Friday 22 de November de 2024

O Local Social de Lestedo acollerá o próximo martes unha charla sobre o emprendemento e as axudas Leader


A actividade desenvolverase o próximo martes ás 20.15 horas e está dirixida a emprendedores e veciñanza interesada nesta temática dos municipios de Boqueixón e Vedra

O local social de Lestedo (Boqueixón) acollerá o próximo martes 13 de marzo, entre as 20.15 e as 21.30 horas, unha charla informativa sobre Axudas Medida Leader 2014-2020. Esta sesión, de carácter gratuíto, está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela, no que está integrado o Concello de Boqueixón.

A actividade ten por obxectivo informar ás persoas emprendedoras e empresas sobre axudas para a posta en marcha de proxectos ou para ampliar ou modernizar empresas xa constituídas. Neste senso, persoal do propio GDR encargarase de explicar os distintos tipos de proxectos –produtivos e non produtivos- que se poden acoller ás axudas Leader, así como os prazos correspondentes de presentación da documentación.

A reunión poderán asistir todas as persoas interesadas de Boqueixón e Vedra: Emprendedores, asesorías, autónomos, empresas en xeral e calquera outra persoa interesada en coñecer as liñas de axudas. Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza e empresariado a acudir a esta cita para ver as posibilidades de financiación para proxectos no rural que se ofrecen a través das liñas Leader.

Esta actividade inclúese dentro do programa Explora, Descobre, Actúa promovido polo GDR Terras de Compostela. Esta entidade sen ánimo de lucro foi creada co obxectivo de impulsar o desenvolvemento social e económico da súa zona de actuación. Integra a entidades asociativas do ámbito agrogandeiro, forestal, medioambiental, social, cultural, veciñal, deportivas, económico-profesional, mulleres, mozos e entidades públicas.