O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradece á Xunta que as obras saian tan pronto a licitación pois “esperamos que poidan comezar en verán e estea listo a principios de 2019”
O alcalde de Frades, Roberto Rey, celebra a saída hoxe a licitación das obras da rede de abastecemento ás parroquias de Moar e Añá por un importe de 790.821,37 euros e un prazo máximo de execución de 8 meses. “Con estas obras completaremos case o 99% do abastecemento de auga en Frades e só nos restará un pequeno tramo na parroquia de Abellá, que estamos valorando para poder meter nun próximo proxecto”, indica Rey Martínez.
O alcalde de Frades sinala que “agradecemos á Consellería de Medio Ambiente que as obras saian a licitación tan pronto, polo que agardamos que os traballos poidan comezar durante este verán e poidan estar rematadas a principios de 2019”. Un proxecto que permitirá levar o abastecemento de auga ás parroquias de Moar e de Añá, así como outros dous núcleos de poboación próximos: Campoduro (Céltigos) e Cadaval (Ledoira).
Así mesmo, Rey Martínez agradece o compromiso da Xunta de Galicia “cun pequeno municipio rural como é Frades, xa que o Concello non podería nunca asumir en solitario esta obra”. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá os 790.821,37 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Obras a realizar
Actualmente as persoas das parroquias de Moar e Añá non teñen acceso á rede municipal de abastecemento de auga potable, polo que se abastecen de traídas particulares, pozos e outros métodos. Estas circunstancias poden entrañar problemas de saúde na poboación, ademais de supoñer para os veciños e veciñas unha incomodidade por teren que manter estas instalacións.
O obxectivo destas obras é dotar dunha rede primaria de abastecemento de auga ao núcleo de Moar e executar pequenos ramais secundarios que abastezan ás vivendas da zona que non dispoñen de conexión a dita rede, entre os que figuran núcleos importantes de poboación como Campoduro e O Cadaval, das parroquias de Céltigos e Ledoira.
As obras de abastecemento inclúen a instalación de 21,38 kms de tubería de PVC soterrada en zanja. A actuación inclúe tres cruces de estrada, dous na DP-3801 e unha na DP-3802, ambas propiedade da Deputación da Coruña. Os pavimentos afectados pola execución das zanjas serán repostas cos mesmos materiais existentes na actualidade, na súa maioría aglomerado.
O Concello de Frades puxo a disposición da Consellería todos os terreos precisos para a execución das obras libres de gravames; obteu os permisos e licenzas precisos, sen repercutir ningún gasto sobre a Administración autonómica; e asumirá a conservación e mantemento das instalacións unha vez rematadas. Pola súa banda, a Xunta encargarase da licitación e execución dos traballos.