A práctica totalidade das traballadoras do Concello de Brión sumáronse hoxe xoves 8 de marzo á convocatoria de folga realizada polas forzas sindicais para dar visibilidade o traballo das mulleres, acabar coa discriminación por sexo e avogar pola igualdade en todos os ámbitos, especialmente no laboral. As traballadoras municipais realizaron un paro de dúas horas, entre as 12:00 e as 14:00 horas, no que contaron co total apoio do alcalde de Brión, José Luís García.
O único departamento municipal que non puido secundar a folga foi o das traballadoras da escola infantil municipal de Brión, que amosaron o seu apoio ao paro cun par de pancartas situadas na entrada da gardería nas que foron recollendo o apoio das familias dos pequenos. Unha decisión tomada ante a imposibilidade de organizar quendas para que todas elas puideran secundar o paro e ante a necesidade das familias brionesas de poder contar con este servizo.