O Mesón do Vento repartirá máis 2.500 quilos entre os milleiros de persoas que se agardan ao longo de toda a fin de semana. No programa non faltan degustacións gastronómicas, exposicións de gando e aves autóctonas, carreiras e probas de andadura, mostras de artesanía e de coches antigos, exhibicións de 4×4, encontros folclóricos, concurso de disfraces, música en vivo e moita festa
Todo listo en Mesón do Vento para a celebración da XX Festa do Lacón con Grelos o vindeiro sábado e domingo, 10 e 11 de marzo. Según estimacións dos propios locais que servirán este delicioso prato este ano superaránse os 2.500 quilos. De todos eles darán conta os milleiros de persoas que, como cada ano agárdanse ao longo de toda a fin de semana nos distintos eventos e actos previstos no programa.
O recinto feiral abrirá as súas portas a partir das 10 horas. Alí exporase unha ampla representación de gando de distintas razas ademais de aves autóctonas. Tamén haberá feira de produtos artesanais e exhibicións de 4×4.
Ás 16 horas do sábado dará comezo o III Encontro Folclórico, no que participarán a Agrupación Folclórico-Cultural Sementes da Arte, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira. Xa arredor das 17 horas a maxia e a cor do Entroido volverán apoderarse da localidade grazas ao concurso de disfraces, no que en total se repartirán máis de 1000 € en premios nas categorías comparsas e individual (persoas adultas e infantil). As inscricións poderán realizarse ata o 8 de marzo no Departamento de Cultura e Deportes, ou ben chamando ao 981680002.
Cans protagonistas
De cara ao domingo o programa está encabezado pola degustación popular do lacón con grelos, que como de costume os bares e establecementos da zona ofrecerán con cada consumición de maneira gratuíta a partir das 12 horas. Haberá tamén exposición de coches antigos. As carreiras e as probas de andadura federada son outro dos grandes atractivos para este día, as cales darán comezo a partir das 11.30 horas e continuarán ao longo da tarde, así como a carreira de burros ás 17.30 horas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través da Federación Hípica Galega. Ás 12 horas os protagonistas serán os cans debido ás probas de agility canina que terán lugar. En conxunto nestas probas repartiranse preto de 1.200 € en total.
A organización ten previstas actuacións musicais en vivo para amenizar tanto a sesión vermú (14 h) como a última hora da tarde (20 h), dándolles así pé aos máis festeiros e festeiras a botar algún que outro baile.