Saturday 28 de September de 2024

O Concello de Lousame inaugura mañá xoves unha exposición coas 35 imaxes participantes no concurso de fotografía “Eu tamén traballo”


A casa da cultura acollerá ás 20:00 horas un acto no que se dará lectura a un manifesto a prol da igualdade, presentarase a páxina Lousame en Igualdade e entregaranse os premios do concurso

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, inaugurarán mañá xoves 8 de marzo unha exposición de fotografía coas 35 imaxes participantes no certame “Eu tamén traballo”, organizado co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller. Un concurso levado a cabo durante a pasada semana a través da páxina en Facebook do Concello de Lousame e no que tomaron parte 35 propostas, que recibiron un total de 2.789 votos por parte de 1.418 persoas.

A gañadora do certame foi Fátima Pan Sobradelo, armadora, que recibiu 268 votos por parte da veciñanza, polos que poderá desfrutar dunha cea para catro persoas no restaurante Minas de San Finx. A persoa premiada entre os 1.418 participantes no concurso sairá dun sorteo que se realizará hoxe mesmo.

Acto conmemorativo

Así mesmo, ás 20:30 horas dará comezo un acto conmemorativo do Día da Muller, que culminará coa devandita entrega de premios. O acto comezará cunha actuación musical a cargo da soprano Esperanza Mara, que dará paso á lectura do manifesto institucional a prol da igualdade. Ademais, presentarase a páxina en Facebook “Lousame en Igualdade” e un vídeo coas imaxes participantes no concurso “Eu tamén traballo”. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, porá o punto e final ao acto.