Esta mañá actuou Borxa Insua, de Títeres Alakrán, quen combinou os monicreques con música de distintas culturas
Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión gozaron esta mañá dunha actuación especial a cargo de Borxa Insua, de Títeres Alakrán, quen combinou os seus monicreques con música de distintas culturas. Trátase dunha das tres actuacións da Semana da Música 2018, unha iniciativa posta en marcha pola escola infantil brionesa para que os cativos se inicien no gusto á música e que conta coa colaboración desinteresada de ex-alumnos, pais e nais que comparten a súa arte cos pequenos.
Os nenos e nenas asistiron hoxe a un peculiar concerto con monicreques de case unha hora da man de Borxa Insua, que puxo sobre o escenario distintas personaxes para interpretar composicións de ópera, violín, frauta, flamenco, son cubano e gaita galega. Borxa Insua, que é a primeira vez que participa nesta iniciativa, explica que “ao principio están alterados pero é certo iso de que a música amansa ás feras e ves como desfrutan da música, e eu con eles”.
Iso si, as reaccións dos pequenos dependían en gran medida do tipo de música que se interpretaba. “Penso que iso ten que ver tanto co costume que teñen como coa propia harmonía da composición”, indica Borxa Insua, así “coa gaita reaccionan moi ben porque van a romarías coa familia e é unha música que lles soa máis familiar, pero tamén cando tocaba o violinista estaban moi caladiños”. Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de iniciativas para achegarlles a música e a cultura aos máis pequenos pois “como pai, cantas máis actividades deste estilo se fagan moito mellor, e tamén é unha forma para que os pais colaboremos e poidamos tamén socializar no concello”.
A Semana da Música 2017 da gardería municipal de Brión arrincou o luns coa actuación de Jessica Beiroa Fernández, profesora de música tradicional galega que ensinou aos meniños o son de instrumentos como a gaita, a pandeireta, as cunchas, o pandeiro… A iniciativa pecharase mañá xoves coa actuación de Jorge Rey, profesor da Escola Municipal de Música de Brión, e dun dos seus alumnos, Juan Quintela, que darán un concerto de trompeta.