A área de Igualdade de San Sadurniño volve levar os actos centrais do Día Internacional da Muller ao último sábado de marzo. Deste xeito preténdese concienciar a prol da igualdade e dos dereitos da muller como unha loita diaria e constante e non como un obxecto de reivindicación concentrado nun único día. O sábado 24 de marzo a Casa da Cultura acollerá as accións simbólicas coas que instar á sociedade para que sexa realmente igualitaria en todos os aspectos: laborais, salariais, de corresponsabilidade, etc. Malia que ese día se concentrará o acto institucional, antes e despois haberá máis eventos para facer ver a loita. O primeiro deles, a Folga Internacional Feminista convocada para este xoves, día 8 de marzo.
A través dunha moción aprobada no pleno ordinario de marzo, o Concello fai un chamamento á participación masiva na folga e tamén nas manifestacións que hai convocadas. Se ben os sindicatos e outras agrupacións teñen previsto levar adiante distintas concentracións ao longo do día, a mobilización principal que temos máis próxima, a de Ferrol, arrancará ás 20.00h. da praza de Amada García (fronte ao edificio da Xunta) promovida pola Marcha Mundial das Mulleres.
En San Sadurniño terá lugar tamén unha concentración diante da Casa do Concello a iso das 11.50h., momento no que se izará unha bandeira de cor lila, identificadora da loita feminista “a prol dos salarios dignos, da igualdade de oportunidades, das posibilidades de conciliación, da eliminación da violencia contra da muller, contra da precariedade laboral e contra unha sociedade patriarcal que continúa perpetuando estereotipos”, tal e como apunta a titular de Igualdade, Ana Belén Breixo.
“A folga e as manifestacións non son un ataque á sociedade, tal e como algúns sectores reaccionarios queren facer ver, senón un dereito que temos e que queremos utilizar para visibilizar as múltiples desigualdades que sufrimos por sermos mulleres. A sociedade ten que cambiar en todos os ámbitos, e iso debemos facelo entre todas e todos, homes e mulleres, mulleres e homes, desde abaixo e construíndo día a día a igualdade. Os paros e as manifestacións deste xoves son un paso importante no camiño de que se recoñeza a faga efectivo o noso dereito a vivir en igualdade”, asegura a concelleira.
Sobre a participación na folga, desde Igualdade infórmase que as traballadoras das oficinas municipais secundarán a convocatoria internacional cun paro entre as 12 e as 14.00h. Ao paro de dúas horas tamén se sumarán as traballadoras da Escola Infantil Municipal.
Actos do día 24
O Concello trasladou ao último sábado do mes o acto central de conmemoración do Día Internacional da Muller, que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 18.00h. xuntando de novo cultura e empoderamento feminino.
O programa arrancará coa proxección da curtametraxe “Nós mesmas”, filmada no último Chanfaina Lab pola parlamentaria Ana Pontón. A curta lanza unha mensaxe que racha cos tópicos sobre as mulleres do rural e os seus anhelos. Para iso a directora entrevistou a cinco mulleres de distintas idades e xuntou os seus testemuños con imaxes dunha viaxe do tren Ferrol-Ribadeo, metáfora dun camiño percorrido… pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer.
Trala curtametraxe presentarase brevemente o acto para darlle paso á montaxe teatral “Onde vai o meu nome”, da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón. Sobre un texto de Flor Maceiras e Pablo Sánchez, as 20 alumnas e alumnos da escola teatral pensan en común sobre o seu propio nome e a súa relación coa identidade persoal e colectiva das mulleres, no marco dun mundo organizado, aínda hoxe, sobre profundos piares de desigualdade de xénero. O espectáculo está pensado para maiores de 14 anos e dura arredor de 35 minutos.
Ao remate da obra volverá o audiovisual -e de novo o Chanfaina Lab- coa curta “Historia do cisne, o atún e a troita”, realizada por de Consuelo Picos, Carmen Couce, Carmen Bouza, Cruz Piñón e Lucía Pita. As compoñentes do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño sírvennos unha narración en clave feminina sobre o nacemento, funcionamento e final da conserveira El Cisne, montada na zona da Bidueda ao abeiro das axudas para as Zonas de Urxente Reindustrialización que seguiron á reconversión naval dos anos 80. Hai unha chea de documentación nas hemerotecas sobre esta fallida experiencia industrial, pero ata o momento ninguén levara a súa historia ao terreo audiovisual. A curta afonda principalmente nos aspectos humanos, no que supuxo para o empoderamento das mulleres -a maior parte do cadro de persoal era feminino- e no xeito en que tamén elas levaron a cabo a loita obreira para frear un peche inevitable.
O acto central co gallo do Día Internacional da Muller finalizará coa música de Sandra Tenreiro con “InfuSons”, no que esta mestra de música lle canta á vida, á afouteza e á igualdade: “son temas como o apoio ás mulleres que están en situacións de violencia de xénero, a nobreza da figura dos avós, o amor á terra e á vida, o respecto, a reivindicación para facer na vida aquilo que realmente nos gusta, loitando por levar as nosas ideas adiante independentemente de non ter o tempo ou os recursos e medios materiais para facelo doutro xeito”
Unha imaxe para visibilizar a muller
Entre as imaxes que se utilizarán este ano na comunicación do Día Internacional da Muller, a área de Igualdade elixiu a de dúas mans femininas que se entrelazan para representar o pasado e o futuro, pero tamén o testemuño de afouteza que vai pasando de nais a fillas xeración tras xeración.
A fotografía non é unha imaxe calquera das que adoitan descargarse de internet baixo licenza Creative Commons, senón que pertence a mulleres de San Sadurniño. É máis, nela aparecen as mans da muller de maior idade e da nena máis noviña do municipio. E as dúas son de Lamas.
Claudina Muíño vive na Laxe e está a piques de facer 102 anos. Quitando algúns problemas de mobilidade e de oído, Claudina goza de boa saúde e de todo o sentido tras unha longa vida dedicada ao agro e o coidado do gando. A outra protagonista da imaxe, Briana Tuimil, é a benxamina de San Sadurniño. Ten tan só mes e medio e, de seguro, “ha medrar nun tempo e unha sociedade moi distintos aos vividos por Claudina. Un tempo que é noso, das mulleres”, recalca Ana Belén Breixo.