Rexedores e persoal técnico dos concellos de Fene, Cabanas, Neda, Ares e Mugardos reuníronse esta mañá en Fene para ultimar os detalles do regulamento e da fórmula de colaboración intermunicipal que permitirá poñer en marcha o Punto Limpo de Fene. A xuntanza serviu para pulir o texto final sobre o que xa houbera acordo en xaneiro do ano pasado pero que, porén, agora incorporará pequenos cambios na literatura suxeridos por Cabanas. Co acordo alcanzado esta mañá, todo apunta a que tanto Fene como Cabanas -como cotitulares da infraestrutura- poderán levar aos seus respectivos plenos o convenio de colaboración entrambos municipios e o regulamento de funcionamento, mentres que os demais consistorios implicados deberán facer o propio co compromiso de adhesión ao servizo.
O primeiro documento que deberán validar Cabanas e Fene será o convenio de colaboración entre os dous concelloss para ratificar a fórmula de xestión do punto limpo, que se fará mediante un contrato de servizos. Iso si,antes de contratar a xestión será necesario ter aprobado o regulamento de funcionamento do centro e, en base a el, o estudo económico que fundamentará a licitación pública. A ela poderanse presentar empresas do sector, aínda que se prevé incluír nas cláusulas da convocatoria unha maior puntuación para aquelas de iniciativa social ou que fomenten a integración laboral de persoas con necesidades especiais.
O contido do regulamento mantense practicamente igual que hai un ano e, a raíz da xuntanza desta mañá, só se lle incorporaron pequenos cambios no texto. Os máis relevantes, o de denominar as instalacións como “Punto Limpo do Vilar do Colo” e a engádega no artigo relativo aos obxectivos de que a recollida selectiva dos resíduos “favorecerá as taxas de reciclaxe nos concellos”. Modificacións que, en palabras de Juventino Trigo “teñen escasa relevancia e non lle afectan aos aspectos principais do regulamento”.
O alcalde cualifica os cambios como “pequenas apreciacións sobre o texto” achegadas esta mesma mañá polo rexedor de Cabanas que, segundo Trigo, “poderían terse feito hai oito meses, cando se lles trasladou toda a documentación para que lle deran o visto e prace”. En calquera caso “todas elas foron incorporadas ao texto e esperemos que este regulamento sexa o definitivo. Polo menos ese foi o acordo co que os cinco municipios nos erguemos esta mañá da reunión, posto que todos temos o máximo interese en poñer en marcha dunha vez por todas este novo servizo tan necesario para a veciñanza”.
Así as cousas, outro dos compromisos adoptados na xuntanza foi o de que os plenos de Fene e Cabanas someterán a votación o convenio de colaboración e mailo regulamento, que nestes días lles será exposto aos grupos da oposición dos dous concellos. En paralelo, os outros tres municipios implicados -Ares, Mugardos e Neda- tamén deberán levar a pleno o compromiso de adhesión á xestión conxunta do servizo por parte de Fene e Cabanas e de financiar a parte que lles corresponda do custe da concesión.
O regulamento deberá exporse de novo ao público cos cambios antes e despois do trámite plenario e, tan pronto como a aprobación sexa definitiva, elaborarase o estudo económico no que se reflictan os custes de mantemento. Posteriormente licitarase o contrato para a posta en marcha dunhas instalacións finalizadas en outubro de 2013 cun investimento próximo aos 241.000 euros, dentro do Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020.