Thursday 21 de November de 2024

Lousame investirá case 124.000 euros no arranxo de parques infantís, nun camiño en Silvaredonda e na mellora dos accesos a Lesende e Burzó


Lousame investirá case 124.000 euros no arranxo de parques infantís, nun camiño en Silvaredonda e na mellora dos accesos a Lesende e Burzó

O pleno aprobou por unanimidade a creación dunha mesa local de coordinación contra a violencia de xénero e unha moción de apoio ao sector lácteo

O Concello de Lousame investirá 123.869 euros do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS) 2015 a tres proxectos de obras, destinando os 75.881 euros restantes para gasto corrente. Así se aprobou no pleno ordinario de Lousame, celebrado na noite de onte xoves, e no que a proposta da alcaldesa Teresa Villaverde foi aprobada cos 7 votos a favor do PP e as 3 abstencións dos concelleiros de PSOE e Compromiso por Galicia. Unha votación que se repetiu en toda a parte dispositiva da sesión, coa excepción das dúas mocións e da adhesión á plataforma electrónica FACe, que foron aprobadas por unanimidade.

Teresa Villaverde explicou que a asignación para Lousame no POS 2015 ascende a 199.750 euros e destacou que “este ano imos destinar máis cartos para obras e menos para gasto corrente”. Así, a achega para gasto corrente será de 75.881 euros, fronte aos 123.869 euros destinados a obras. Uns cartos que serán investidos en tres proxectos.

O máis importante, orzamentariamente falando, será o arranxo dos parques infantís de Lousame, ao que se destinarán máis de 50.000 euros. “Comezaremos polos dous que pensamos que precisan dunha actuación máis urxente. En primeiro lugar, polo que está no Punto de Atención á Infancia de Tállara, que ten un pavimento de loseta de corcho que se está a levantar e pode facer que os pequenos tropecen. Despois faremos outro parque na escola de Béxeres”, indicou Teresa Villaverde que explicou que o obxectivo que pretende conseguir é “que en cada parroquia haxa un parque infantil en boas condicións”.

Os outros dos proxectos destinarán algo máis de 34.000 euros para un camiño interior en Silvaredonda (Vilacoba) e para os accesos a Burzó (Fruíme); así como 39.153 euros para a pavimentación dos accesos a Lesende, que incluirá a instalación dun sistema de recollida de pluviais.

Violencia de xénero

O pleno municipal tamén aprobou, neste caso por unanimidade, unha moción do Partido Popular para a eliminación da violencia de xénero. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, indicou que “para erradicar a violencia de xénero é fundamental sensibilizar á sociedade” e lembrou as actuacións que se están realizando nestes momentos no CEIP Cernadas de Castro “para promover unha educación en igualdade e non sexista”. Un punto no que coincidiron todos os concelleiros.

Para conseguilo, o Concello de Lousame constituirá unha Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, que se encargará de coordinar as actuacións preventivas que se realicen, así como de facer un seguimento dos casos que se poidan producir no municipio. Esta Mesa estará integrada por un representante das seguintes entidades: Centro de Información á Muller de Noia, Servizos Sociais do Concello de Lousame, Servizos Educativos do Concello de Lousame, centro de saúde, Garda Civil de Noia, Xulgados e da Secretaría Xeral da Igualdade.

A unanimidade repetiuse nunha moción de urxencia presentada polo PSOE en defensa do sector lácteo. O voceiro municipal socialista explicou que o sistema de cotas desaparecerá en 2015 e que isto podería supoñer que as explotacións non teñan garantida a recollida da súa produción, xa que as industrias poden optar por recoller o leite a un menor número de granxas que incrementen as súas entregas ao non estar limitados pola cota láctea e abandonar aquelas que lle resulten menos atractivas. Unha situación que afecta directamente a 45 explotacións da comarca, con 160.000 quilos de cota.

Por iso, o pleno municipal de Lousame pediralle ao presidente da Xunta de Galicia que lidere ante o Goberno do Estado a posta en marcha de medidas eficaces para que as explotacións galegas poidan sobrevivir ante a inminente desaparición do sistema de cotas lácteas en abril de 2015. Ademais, solicita o apoio da Xunta para mobilizar terras agrarias para incrementar a superficie agraria útil das explotacións e a prohibición de plantacións forestais nesas terras. Tamén se pide o apoio institucional e económico ao proceso de concentración de industrias lácteas.

Outros temas

O pleno municipal de Lousame tamén aprobou un expediente de modificación de crédito de 63.010 euros e a adhesión do municipio á Plataforma electrónica FACe da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, que se encargará do rexistro electrónico de facturas. A tenente de alcaldesa, María José Maroñas, foi designada representante do Concello no Consello Escolar do CPI Cernadas de Castro.

Así mesmo, o pleno municipal aprobou o Regulamento e normas de Funcionamento da escola municipal de música do Concello de Lousame, así como a ordenanza reguladora do seu prezo público. Teresa Villaverde explicou que a aprobación deste regulamento é unha obriga despois da inscrición da escola lousamiana no Rexistro de Escolas de Música da Xunta de Galicia. En canto ao prezo público, mantense como estaba aínda que se engade unha bonificación do 25% para os membros da banda de música.

O pleno tamén acordou modificar a Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Centro de Día de Lousame, para especificar que o prezo de 30 euros/mes por desprazamentos de ata máis de 9 kms se corresponde cun único traxecto. Tamén se diferenciou o prezo por días soltos (6 euros) e para os que utilizan o servizo a cotío (5 euros). Finalmente, aprobouse unha adaptación ás novas leis da ordenanza de regulación de tramitación de licenzas urbanísticas, comunicacións previas e outros servizos urbanísticos. “As taxas son as mesmas que había”, especificou Teresa Villaverde. Por último, aprobáronse tres proxectos técnicos para solicitar achegas económicas á Deputación da Coruña e a inclusión dun epígrafe novo na ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.