Os inmobles quedarán a disposición dos adxudicatarios, que xa foron designados no seu día por sorteo entre os demandantes de vivenda protexida na Coruña
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de rematar obras de adecuación de oito vivendas de promoción pública no barrio de Novo Mesoiro, na Coruña, con un investimento de preto de 54.000 euros. As vivendas están situadas en tres bloques de Novo Mesoiro e quedan dispostas xa para poder entregarllas aos adxudicatarios, logo de que no seu día se sorteasen entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego pola rehabilitación e lembrou que nos presupostos para 2018 están 2,3 millóns de euros para actuacións do Instituto Galego da Vivenda e Solo na cidade da Coruña. Na comarca, e dentro da mesma estratexia de posta en valor do patrimonio, a consellería ten previsto destinar 2,5 millóns de euros en actuacións de rehabilitación á localidade de Betanzos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, quixo comprobar persoalmente o resultado da intervención. Durante á visita recordou que esta mesma semana o “Consello da Xunta aprobou un investimento de 5,5 millóns de euros para a construción de 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático da Coruña”. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará nos vindeiros días estas obras, unha vez adaptado o proxecto aos requirimentos municipais e presentada unha novamente a solicitude de licenza.
As vivendas construiranse nunha parcela de propiedade da Xunta que dispón de 1.280 metros cadrados de superficie. Construiranse 40 vivendas de promoción pública de 2, 3 e 4 dormitorios, dotadas cun rocho e praza de garaxe. O edificio contará tamén con cinco locais comerciais no baixo andar. O prazo de execución será de 24 meses contados desde o inicio das obras.
Rodeiro manifestou que “a Xunta tiña previsto iniciar o pasado ano a construción destas 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático, para o cal solicitou licenza municipal en decembro de 2016, pero tras nove meses de espera, o Concello da Coruña denegou a licenza o pasado mes de setembro”, sobre a base dunha interpretación lexislativa diferente á da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
A Xunta traballa, de cara ao vindeiro ano, na primeira lei de rehabilitación e rexeneración urbana de Galicia coa intención de facilitar a recuperación do patrimonio construído. “Unha lei que promoverá a preservación do noso patrimonio histórico e facilitará a a rehabilitación de edificios tradicionais”, sinalou o delegado territorial.
Así mesmo, o programa de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), cofinanciado polo Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda reservou para a cidade herculina máis dun millón de euros, dos que preto de 300.000 proceden da parte autonómica. As dúas áreas para as que se conceden axudas son a cuarta fase do barrio dos Mariñeiros e a primeira fase de Elviña.
Ovidio Rodeiro indicou que “fronte aos que entenden as políticas de vivenda unicamente como unha oportunidade de defender os intereses dunha minoría, a Xunta está a demostrar con feitos reais e con investimentos tanxibles o seu compromiso coa cidade, coa provincia e con Galicia, poñéndose do lado dos veciños na defensa activa dun dereito fundamental como é o do acceso a unha vivenda digna”.