Friday 22 de November de 2024

BNG e PSOE apoian no pleno de San Sadurniño a folga feminista do próximo 8 de marzo


A sesión do pleno celebrada  en San Sadurniño levaba entre os puntos da orde do día recabar o apoio da corporación á folga internacional de mulleres convocada par o día 8, data na que se celebra o Día Internacional da Muller. A moción presentada polo grupo municipal do BNG foi apoiada polo PSOE, mentres que o PP se opuxo frontalmente ao texto, no que se reivindica a eliminación da desigualdade e a invisibilidade “que sofren historicamente as mulleres”, ademais de esixir a mellora “das súas condicións sociais e laborais”, agravadas -segundo a proposta debatida- “polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica”.

Alén desta cuestión, o pleno deu para máis. Así, o primeiro asunto no que se entablou debate foi o da desestimación dun recurso de reposición contra o acordo do pleno de novembro polo que, á súa vez, se desestimaba unha petición contraria á inclusión da ETAP da Agra de Arriba no inventario de bens municipais. O goberno local argumentou -igual que fixera no pleno de novembro- que os terreos onde se asenta esta infraestrutura pública foron rexistrados catastralmente a nome do Concello en 1986 e que desde o ano 1995 figuran no inventario municipal sen que houbese reclamación algunha ata hoxe, momento no que se volveu actualizar o listado de bens do Concello. O acordo saiu adiante cos votos favorables do BNG e a abstención dos dous grupos da oposición.

Deseguido a corporación tratou a proposta de instar á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para que se repare o firme do tramo da estrada AC-861 comprendido entre Igrexafeita e Espiñaredo que, segundo o executivo local, se encontra “nun estado lamentable e de absoluto esquecemento” por parte do departamento autonómico de estradas. A situación deste eixo viario motivou varias peticións nos últimos dez anos que, porén, non obtiveron resposta.

Os tres grupos estiveron de acordo en cursar unha nova reclamación. Ademais, o PP tamén instou ao Concello para mellorar “falando con Narón” o alumeado nas proximidades do enlace coa AG-64 en Cornide e tamén que se instase á Xunta a eliminar curvas e crear novos carrís de adiantamento na estrada de Ortigueira, a AC-862.

Desta última suxestión falaríase ao final do pleno, durante a quenda de intervencións do público. Un veciño preguntou sobre cal era a información que tiña o Concello ao respecto da execución da VAP Ferrol-San Cibrao, habida conta de que este xoves houbera un encontro de alcaldes coa conselleira Ethel Vázquez. Secundino García explicou que na reunión coa responsable autonómica se deu a coñecer a intención da Xunta de “cambiar todos os proxectos e sacar a contratación novos estudos técnicos”, desbotando boa parte do trazado que había deseñado.

Segundo o alcalde, malia adxudicarse a asistencia para as expropiacións “o traballo non se fixo” e agora a administración autonómica pretende refacer os proxectos e, paralelamente, “modificar a estrada vella, cambiando curvas e metendo carrís de lentos que, sen embargo, non están nos orzamentos da Xunta”. “Non se sabe nada. Volvemos estar coma no ano 2000”, asegurou Secundino García.

Logo do debate sobre o arranxo da AC-861 desde Igrexafeita ata Espiñaredo, chegou o momento de tratar a proposta de apoio á folga feminista do próximo día 8 de marzo. O argumentario defendeuno a titular de Igualdade, Ana Belén Breixo, poñendo de relevancia algúns elementos que motivarían a protesta. Entre eles unha fenda salarial entre mulleres e homes que en Galicia alcanza o 23% e un paro rexistrado en San Sadurniño que é un 10% superior nas mulleres con respecto aos homes. Na exposición criticouse “o sistema patriarcal e a realidade socioeconómica”, sinalándoos como responsables en último caso de que as mulleres “sufran máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e oportunidades”.

O PSOE só se pronunciou para apoiar a moción, mentres que o PP mostrou a súa oposición ante unha convocatoria á que Manuel Romero lle atribuiu os cualificativos de “elitista e irresponsable”, asegurando que a folga “pretende romper o modelo de sociedade de occidente”. Romero tamén dixo que o movemento “plantexa o enfrontamento entre homes e mulleres” e pediu “non caer en debates absurdos”. Ana Belén Breixo retrucoulle que as mulleres “temos dereito a reivindicar os nosos dereitos como mulleres para que se perciba o valor do noso traballo. Non tedes por que ter medo a que fagamos unha folga”.

Rogos e preguntas
Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas, o pleno aprobou por unanimidade o cambio do convenio para o mantemento do apiario didáctico da Cortiña, que pasará de AGA-Ferrolterra á Casa do Mel de Goente. O cambio non lle afectará nin á contía -1.500 euros- nin tampouco á encomenda de xestionar as instalacións e o desenvolvemento doutras actividades paralelas.

Como rogo, o PP solicitou que se pida autorización verbal dos pais e nais para captar imaxes de nenas ou nenos en actividades organizadas polo Concello. Sobre esta cuestión o alcalde sinalou que nestes momentos se esixen autorizacións por escrito naquelas actividades que requiren inscrición previa.

Pola súa banda, o PSOE interesouse polo destino dos cartos obtidos pola venda da vivenda do Eirexado, en Naraío que, como se recordará, foi adxudicada recentemente en poxa pública por 62.000 euros. Unha cuestión á que o alcalde respostou apuntando que as arcas municipais se rexen polo principio de “caixa única” e que o importe se computará como un ingreso máis. Sobre o prezo de venda tamén se explicou que o importe de saída da poxa pública -54.000€- se fixou en base a unha peritación técnica e desde o goberno local lembrouse que a rehabilitación do inmoble se fixo a través dun plan de emprego.

Tralo PSOE volveu tomar a palabra o PP para encadear catro preguntas. A primeira referida á dispoñibilidade de locais para os grupos políticos, á que o alcalde respostou reiterando o compromiso do goberno de habilitar espazos no antigo ambigú da Casa da Cultura ao longo deste ano. As dúas segundas cuestións centráronse no estado de tramitación do PXOM que, segundo se informou no pleno, estaría pendente de recibir os informes de Augas de Galicia e que, tan pronto como se dispoñas de toda a documentación, o Concello contestará “unha por unha” as máis de 400 alegacións presentadas. No pleno tamén se recordou que nestes momentos é posible volver solicitar licenzas de obra maior ao ter transcorridos dous anos desde a aprobación inicial do planeamento sen que se producise a aprobación definitiva.

O PP preguntou por último se o Concello tiña algunha débeda co Consorcio Galego de Igualdade por causa do Centro de Día. O rexedor local explicou na súa resposta que non existía débeda algunha en concepto de cofinanciamento, logo de satisfacer hai escasos días unha cantidade de 40.000 euros.

Tras levantar a sesión abriuse o tempo para as intervencións do público, nuns casos en forma de preguntas concretas e noutros como reflexións en voz alta. Un veciño de Naraío queixouse de que non se recollesen pneumáticos usados e asegurou que en 2017 na parroquia non se fixeran rozas de cunetas agás nos días previos ao festival do Río Castro e concentradas só na zona do Eirexado. Outra persoa presente tamén nas filas do público, desmentiu este extremo asegurando que desde abril até novembro os tractores municipais “andan as pistas todas, dou eu fe”.

Sobre pistas tamén chegou un comentario dun veciño de Cornide que falou do mal estado en que se encontran os camiños forestais que discorren desde a Penamoura en paralelo coa AG-64 e en dirección ao lugar da Gándara. O veciño inquiriu ademais sobre como se reconverteran no seu día as antigas escolas de San Sadurniño en vivendas sociais, suxerindo que esa mesma finalidade se lle podería ter dado ás unitarias rehabilitadas polo Concello. O alcalde aclarou que no caso do centro escolar de San Sadurniño foi a Xunta a través do IGVS quen fixo a transformación, algo que o Concello non podería ter feito nas antigas escolas de Bardaos e do Eirexado por non ter competencias en materia de promoción de vivenda social.

As intervencións do público remataron cunha suxestión formulada por outro veciño de San Sadurniño para que o Concello vise a maneira de estudar a concentración de gas radón en distintos puntos do municipio.