Friday 22 de November de 2024

A produción do queixo Arzúa-Ulloa alcanza un valor de 21 millóns de euros no 2017


Estas cifras conseguíronse coa venda de 3,5 millóns de quilos de queixo certificado
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu á 43ª feira do queixo Arzúa-Ulloa e aproveitou para ofrecer os últimos datos ao respecto desta denominación de orixe. A titular de Medio Rural indicou que, a falta do balance definitivo, no 2017 a produción deste queixo alcanzou os 3,5 millóns de quilos, o que supuxo un valor económico de máis de 21 millóns de euros.

Trátase dunhas cifras que demostran o peso desta e doutras industrias agroalimentarias galegas na economía rural e, en xeral, de toda Galicia. Por iso, Ángeles Vázquez, agradeceu ao Consello Regulador e a todos e cada un dos produtores por erguerse cada día e loitar por seguir mellorando. “Hai 1.348 gandeiros que entregan leite ás 21 queixerías amparadas”, declarou a conselleira, comprometéndose a seguir traballando para facilitarlles o camiño.

Dende a Consellería do Medio Rural enténdese que a transformación é un proceso clave no futuro do sector lácteo galego, de aí o apoio deste departamento ás industrias agrarias a través da orde de axudas para investimentos en transformación e comercialización, que este ano conta cun orzamento de 29,1 millóns de euros. “Iso significa un aumento do 22% respecto ás achegas facilitadas na última orde de 2017”, declarou a conselleira, quen destacou tamén a relevancia deste tipo de eventos para dar a coñecer os produtos e garantir un oco no mercado.

O queixo amparado –Arzúa Ulloa, de granxa ou curado– elabórase con leite de vaca procedente das razas rubia galega, parda alpina e frisona ou os seus cruzamentos entre si. Trátase do produto estrela desta festa, que se celebra ata o domingo 4 no concello coruñés de Arzúa, onde están presentes preto de 70 expositores, entre os amparados pola denominación de orixe e outros produtores que se dan cita neste evento gastronómico.