Seis das vivendas sobre as que a Xunta vai actuar están emprazadas en Vila da Igrexa e as outras seis en As Felgosas
A Xunta de Galicia destina un investimento de case 400.000 euros ás obras de mellora da eficiencia enerxética de 12 vivendas de promoción pública en Cerdido.
Seis das vivendas sobre as que a Xunta vai actuar están emprazadas en Vila da Igrexa e as outras seis en As Felgosas, todas no concello coruñés de Cerdido.
Estas actuacións, que veñen de licitarse, están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. O prazo de execución das obras será de catro meses dende o inicio das mesmas. As empresas interesadas dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas, polo que a data límite é o vindeiro 27 de marzo.
As obras consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas. Para iso empregarase o sistema SATE, que permite realizar o illamento dun edificio pola parte exterior do mesmo, eliminando pontes térmicas, mellorando o illamento térmico e a impermeabilidade da edificación sen reducir o espazo interior das vivendas nin modificar o aspecto exterior do inmoble
O Goberno galego ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades de toda Galicia, como Santiago de Compostela, Pontevedra, Melide, Vigo ou Becerreá.
Estas actuacións teñen unha importante repercusión positiva na mellora da calidade de vida dos veciños e no aforro enerxético e enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación de vivendas.