Subliña que aquel modesto Padroado da Caridade é hoxe o gran faro coruñés da solidariedade que gaña presente e futuro co apoio da Fundación Amancio Ortega
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou o labor da Institución Benéfica Padre Rubinos, “un modelo a seguir”, dixo, que vencellou a dignidade como complemento necesario da solidariedade e a inclusión social.
Durante a entrega da Medalla de Ouro da Fundación Barrié á Real Institución Benéfica Padre Rubinos, con motivo do seu centenario, Feijóo incidiu en que a dignidade é o valor diferencial desta entidade, que a fai merecedora destas e doutras moitas distincións. “Nela non soamente se presta asistencia; tamén se administran grandes doses de dignidade. Hai un elemento físico e outro espiritual. O náufrago da vida necesita moitas veces recuperar unha dignidade maltratada, danada ou simplemente perdida”, explicou.
Ao respecto, lembrou que para acollerse a este fogar, fundado en 1918, o gran benfeitor non pedía máis instancias nin documentos que a propia necesidade. “A institución sería, como el insistía, un refuxio, un porto seguro para eses náufragos ameazados polo esquecemento”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo destacar tamén o esforzo que nesta materia fan os galegos, reflectido nos máis de 700 millóns de euros que a Xunta está a destinar a políticas sociais no presente exercicio. E na disposición dunha axenda social inspirada pola colaboración cos concellos e entidades, onde se atopan medidas contra a pobreza infantil, a prol da atención á inclusión residencial, o impulso de programas de atención á dependencia e proxectos de inclusión desenvolvidos por corporacións locais e entidades.
Así mesmo, garantiu a colaboración da Administración autonómica coa Institución Padre Rubinos, cunha achega de máis de 900.000 euros para o mantemento de 40 prazas de atención a maiores e diferentes medidas relacionadas coa inclusión social.
O titular da Xunta concluíu subliñando que aquel modesto Padroado da Caridade é hoxe o gran faro coruñés da solidariedade que gaña presente e futuro co apoio da Fundación Amancio Ortega.