Friday 22 de November de 2024

O concello abre o prazo para que donos de inmobles poidan incluílos no Programa de Aluguer de Vivendas Baleiras


O Concello de Riveira dá un paso significativo na implantación no noso municipio do Programa de Vivendas Baleiras da Xunta a través da apertura do prazo para que todos aqueles que estean interesados en que os seus inmobles sexan incluídos neste plan de aluguer poidan presentar as súas solicitudes.

Dos detalles desta tramitación falaron a concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, e a técnica deste Departamento Silvia Sanjurjo. A edil municipal fixo un chamamento para que todos aqueles que dispoñan dunha vivenda susceptible de ser alugada a que se informen do citado programa e resaltou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo garante aos propietarios dos mesmos a través de dous seguros existentes, un por impago (ata un máximo de 12 mensualidades ademais de incluír a asesoría xurídica) e outro por posibles danos.

Os impresos necesarios para poder participan están dispoñibles na Oficina de Atención Cidadá e, a partir da semana próxima, tamén na páxina web municipal www.riveira.gal. Unha vez o Concello conte con vivendas a disposición, abrirá un segundo prazo para que os demandantes poidan facer as súas peticións.

Unha ordenanza municipal regula as condicións e características que como mínimo deben posuír as vivendas para poder ser incorporadas ao programa (por exemplo, ter a consideración de vivenda libre ou non estar sometida a ningunha limitación para arrendala derivada da súa cualificación como vivenda protexida; non ter cargas que impidan o seu arrendamento; estar desocupada e susceptible de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa; reunir as condicións de habitabilidade; e estar dada de alta nos subministros básicos de auga, lixo, gas e/ou electricidade).

As vivendas poderanse arrendar con ou sen mobles, pero, en calquera caso, deberán contar con instalación de auga quente, con cociña equipada con mobiliario e electrodomésticos básicos.

Renda
En canto ao prezo de renda, a efectos de determinar o prezo máximo establécese unha superficie máxima computable de 90 metros cadrados e un prezo máximo por metro cadrado de 3,834 euros sempre que dispoña de rocho e garaxe, sen que o importe poida exceder en ningún caso os 345 euros.

A duración da posta a disposición da vivenda por parte do titular interesado será de tres anos contados a partir da data de inicio do primeiro contrato de arrendamento que se subscriba. As solicitudes de incorporación das vivendas ao programa serán tramitadas no propio Concello, incluíndose no procedemento unha inspección técnica para comprobar as condicións de habitabilidade e idoneidade da vivenda e determinar a taxación da renda.

No que se refire aos requisitos das persoas demandantes de vivenda, as unidades familiares ou de convivencia deberán reunir os seguintes requisitos:

• Ter uns ingresos entre 1 e 2,5 veces o IPREM. Excepcionalmente poderá exceptuarse do cumprimento de acreditar o límite mínimo de ingresos cando se trate de situacións de emerxencia social que deberán ser singularmente avaliadas. Con carácter xeral, a renda que debe aboar a persoa inquilina non debe ser superior ao 30% dos seus ingresos.
• Non ter a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia unha vivenda en propiedade, a menos que non dispoña do seu uso e disfrute, nin o usufruto doutra vivenda en todo o territorio nacional, ou se trate dunha vivenda inadecuada ou insuficiente.

Certos colectivos terán a consideración de prioritarios, tales como os afectados por procedementos de execución hipotecaria, desfiuzamento, con fillos menores, familias numerosas e monoparentais con fillos a cargo, con persoas dependentes ou vítimas de violencia de xénero, entre outras.