Asevera que esta exposición recolle os nomes propios do cinema de Galicia e en galego que se estruturan ao redor de cada unha das seis seccións que se dispoñen
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o labor do audiovisual galego “porque Galicia precisa dun cine de seu feito, producido ou pensado na nosa terra”. “É certo que temos que seguir traballando e gustaríame mandar unha mensaxe de esperanza para o sector, ao que imos seguir acompañando”, dixo, agradecendo a colaboración da Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), que “durante estes 25 anos foi un motor do audiovisual galego”; así como o traballo da Academia Galega do Audiovisual, o Clúster do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtores Independentes, a Asociación de Empresas do Audiovisual e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Despois de lembrar que o Goberno galego vén de apoiar trece proxectos de escrita de guión e de realización de curtas e longametraxes a través da Agadic, Feijóo salientou, durante o acto de inauguración da exposición Cinegalicia 25, que “o cine galego é o recordo do que viviron os nosos antepasados, o espello do que compartimos arestora e a esperanza dos nosos desexos futuros”. Ao que engadiu que por estas razóns, cómpre afirmar que Cinegalicia 25 conmemora o debut cinematográfico galego de 1.989, “pero sobre todo –abundou-, relata a historia das nosas vidas ao longo dos últimos 25 anos a través da gran pantalla”.
Nesta mesma liña, o titular do Goberno galego lembrou que ‘Sempre Xonxa’, ‘Urxa’ e ‘Continental’ representan o punto de partida da industria cultural cinematográfica galega, xa que desde aquel momento, Galicia elaborou un discurso con voz propia no espectro do cinema nacional e internacional; “as capacidades de transmitir e proxectar a nosa identidade nun universo cada vez máis globalizado multiplicáronse e pronto apareceron os primeiros fitos”.
Sobre este aspecto, aseverou que esta exposición recolle os nomes propios do cinema de Galicia e en galego que se estruturan ao redor de cada unha das seis seccións que se dispoñen no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura: “Deste xeito o espectador viaxará ao longo da historia dos nosos filmes en ‘Cine galego’; lembrará os filmes rodados na nosa xeografía, na sección ‘Galicia, plató de cine’; volverá a sentarse no sofá da súa casa con ‘Ficcións Televisivas’; afondará noutros formatos como a animación, os documentais ou os videoclips en ’25 pezas máis’; aprenderá novos contidos teóricos que axudaron ao desenvolvemento do cine na sección ‘Cine de papel’; e, por último, descubrirá a importancia da infraestrutura e da industria que axudou a conformar a expresión dunha cultura diferenciada en ‘Contornos’”.
Así mesmo, Feijóo referiuse ao gran éxito de películas como ‘Celda 211’; ao Óscar acadado por ‘Mar Adentro’; ás espectaculares audiencias de ‘Mareas Vivas’; á innovación que supuxo ‘O bosque animado’; e á importancia de volumes como ‘Historia del cine en Galicia. 1896-1984’.