Friday 22 de November de 2024

A exposición “A mar a mares”, da sección de fotografía do Grupo Bazán, amósase en marzo en Fene


“A mar a mares” é un título que garda dentro de si múltiples significados. O primeiro é o da referencia ao contido da exposición, o segundo é o suxerido polo xogo de palabras co verbo amar co significado de querencia polo mar, pola costa e tamén pola fotografía que expresan os autores e autoras. Todas e todos pertencen á sección fotográfica do Grupo Bazán, que leva máis de dúas décadas formando e promocionando a creatividade de ducias de persoas con afección por esta arte”.

A exposición “A mar a mares” poderase visitar do martes 6 de marzo ao luns 2 de abril de 2018 na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene, A Coruña). Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas.

A mostra está formada por corenta e seis fotografías de vintetrés autores, corenta delas a tamaño 60×40 cms. e seis a tamaño 30×45 cms., en cor e en b/n, ofrecendo unha visión persoal de cada un dos participantes. Nela poden verse dende praias, faros, paisaxes, fauna marina, etc.

Algúns dos autores e autoras que participan nesta colección son: Alex Pérez, Anna Gracheva, Beatriz Rodríguez, Carlos Cruz, Chus Villamar, Dani Touceda, David Souto, Eva Vázquez, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, Iván Seijo, Jose Amigo, Jose Fonticoba, Luis Losada, Luz González, Marta Pérez, Miguel Calvo, Mónica Lorenzo, Nelson López, Pablo Mauriz, Rubén Pérez e Xosé Debasa.

Detrás da iniciativa está a sección fotográfica nacida hai 23 anos no seo do Grupo Bazán, unha entidade con máis de catro décadas de historia a prol da promoción do deporte e a cultura. A sección dedicada á fotografía comezou con 11 compoñentes en 1994 e hoxe pasan de 60, nalgúns casos merecentes de premios en certames galegos, estatais e internacionais.
Desde aquela reúnense todos os venres no local do grupo, situado na rúa República Arxentina 15 baixo (Ferrol), onde, ademais, tamén se imparten seminarios e cursos relacionados con esta arte.