Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente celebra en marzo oito talleres sobre o proxecto de Infraestrutura Verde da Coruña para incluír as achegas da cidadanía


O persoal do Instituto de Estudos do Territorio achegouse esta tarde ao Concello de Cambre para dar a coñecer este proxecto, pioneiro en Galicia, e que tamén visitará os concellos de Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Coirós e Aranga

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza ao longo deste mes un total de oito talleres participativos arredor da futura Infraestrutura Verde da Área da Coruña, co fin de enriquecer este proxecto, pioneiro en Galicia, coas achegas da cidadanía e dos axentes socioeconómicos da zona.

De feito, os técnicos do Instituto de Estudos do Territorio celebraron esta tarde un obradoiro participativo no Concello de Culleredo e que -nas vindeiras semanas- terá lugar noutros concellos que integran a zona xeográfica de traballo (ao final da nota indícanse os concellos). Estes encontros serven para testar a opinión da poboación sobre a protección de zonas naturais e a orientación dos usos e aproveitamentos do territorio desde unha perspectiva medio ambiental. En total organizaranse 19 obradoiros, que comezaron a semana pasada e percorrerán os concellos desta área xeográfica ata comezos de maio.

A través deste proxecto, Galicia adiántase a un futuro requirimento tanto de Europa como de España para promover estes instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos co fin de garantir a provisión de todo tipo de servizos ambientais e a protección da biodiversidade das áreas urbanas e tamén rurais.

Para deseñar esta novedosa Infraestrutura Verde da Coruña, a primeira zona elixida para ser obxecto dunha ordenación integral do territorio desde un punto de vista ambiental, o departamento autonómico quere contar coa colaboración activa tanto da sociedade civil como do resto de administracións.

Todas as opinións e propostas recollidas serán analizadas e tidas en conta nos traballos de elaboración da Infraestrutura Verde, integrándoas tanto na análise e diagnóstico do ámbito territorial como no posterior deseño e planificación da iniciativa e nos proxectos de desenvolvemento da mesma.

Participación en catro etapas
Cómpre lembrar que a Infraestrutura Verde da Área da Coruña é unha iniciativa pioneira na comunidade e en cuxo deseño están traballando desde finais do ano pasado o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Mariñas Betanzos’ e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña articularase en catro fases. A primeira delas incluirá unha serie de enquisas aos alcaldes co fin de recadar datos sobre os principais proxectos de cada municipio en materia ambiental e para a protección dos seus ecosistemas, que se utilizarán despois na elaboración do proxecto; e a seguinte centrarase na análise dos resultados das entrevistas e tamén dos estudos realizados por todas as entidades implicadas no deseño do proxecto.

A partir da documentación aportada polo equipo técnico, traballarase na definición dos obxectivos e proxectos concretos da Infraestrutura Verde da Área da Coruña e no seu plan de acción. E a cuarta e última etapa, servirá para impulsar e facer un seguimento da estratexia.

TALLERES PARTICIPATIVOS INFRAESTRUTURA VERDE DE A CORUÑA DE MARZO

Concello Data Hora Lugar
Culleredo 1 de marzo 18:30 Casa do Concello, Rúa do Concello nº 12, Culleredo
Cambre 6 de marzo 18:30 Casa do Concello, Adro 1, Cambre
Sada 13 de marzo 18:30 Casa do Concello, Avenida do Porto 24, Sada
Oleiros * 14 de marzo 19:00 Castelo de Santa Cruz, s/n Liáns, Oleiros
Bergondo 15 de marzo 18:30 Multiusos A Senra, A Senra s/n, Bergondo
Betanzos 20 de marzo 18:30 Casa do Concello
Oza-Cesuras – Curtis 22 de marzo 18:30 Casa do Concello de Oza-Cesuras
Coirós-Aranga 27 de marzo 18:30 Casa do Concello de Coirós