A corporación de San Sadurniño está chamada para este sábado día 3 ás 11.30h. a unha nova sesión ordinaria do pleno municipal. A orde do día está composta por seis puntos dos que a metade teñen contido propio para o debate. O primeiro deles será a proposta de desestimación dun recurso contra a inclusión dos terreos da ETAP da Agra de Arriba no inventario municipal de bens, o segundo abordará reclamarlle á Xunta a reparación da antiga estrada das Pontes e o terceiro é unha moción do grupo municipal do BNG en apoio da folga feminista convocada a nivel internacional para o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Ao tratarse dun pleno ordinario, a relación de asuntos tamén inclúe o apartado de rogos e preguntas xunto coa posibilidade de participación do público ao remate da sesión.
Con respecto á cuestión da estación de tratamento de auga potable, a corporación deberá valorar se atende ou non o recurso de reposición presentado por Fernando Barro Sabín en representación propia e dos seus irmáns contra a aprobación definitiva do inventario de bens municipais adoptada no pleno do pasado 11 de novembro. Daquela ratificouse integramente o contido do inventario ao tempo que se desestimaba a reclamación dos interesados chamándose á titulariedade dos terreos onde se asenta a ETAP da Agra de Arriba.
Os argumentos que ampararon daquela a desestimación -fundamentados en informes xurídicos- foron o de que as instalacións figuran inscritas no Catastro a nome do Concello desde 1986 (ano de construción do depósito de auga) e que se incorporaron ao inventario de bens en 1995 sen que nese momento se presentase alegación algunha. Tres anos despois contratáronse as obras da actual potabilizadora, constando no expediente as correspondentes certificacións da Secretaría-Intevención municipal acerca da dispoñibilidade do terreo por parte da administración local. Ademais, tal e como se puxo de manifesto no pleno de novembro e se reitera no informe que se exporá no deste sábado, o ben encóntrase afecto a un servizo público básico. Neste sentido a proposta que se exporá na sesión será a de rexeitar o recurso de reposición dos irmáns Barro Sabín, recoñecéndolle ao seu representante o dereito a recorrer á xustiza para que esta se pronuncie sobre a titulariedade da parcela.
Outro dos puntos que se abordarán no pleno será o de instar á Consellaría de Infraestruturas e Vivenda para que se repare o firme do tramo da estrada AC-861 comprendido entre Igrexafeita e Espiñaredo. A proposta da alcaldía sinala que este eixo viario se encontra deteriorado “pola ausencia de labores de mantemento” trala entrada en servizo da AG-64. Unha circunstancia que xa foi obxecto de reclamacións municipais e dunha pregunta en sede parlamentaria que, porén, non obtiveron resposta por parte da administración autonómica.
A última cuestión antes de entrar no apartado de rogos e preguntas centrará o debate sobre a moción presentada no BNG en apoio da folga internacional de reivindicación feminista do 8 de marzo, que pretende ser “unha chamada de atención sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais”. Na exposición de motivos da moción indícase que as mulleres en Galicia cobran un 23% menos de promedio cós homes e que tamén existe unha porcentaxe maior de desemprego feminino, agravada por unha tamén maior dificultade para acceder a un posto de traballo e para conciliar a vida laboral e familiar.
Por estes e outros motivos -dos que se dará conta na sesión- a proposta de acordo incorpora o apoio municipal á xornada internacional de paros “para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias”, así como o chamamento á participación nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego.
O último punto da orde do día ocuparase dos rogos e das preguntas que adoitan centrar boa parte do debate. Unha vez finalizado este apartado abrirase a quenda de intervencións do público. Como é habitual, a gravación íntegra da sesión estará dispoñible poucos minutos despois do seu remate.