Canarga S.L. foi a empresa que obtivo unha mellor clasificación de entre as 23 empresas presentadas
O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local procedeu na súa sesión de onte á aprobación da adxudicación con carácter provisional do proxecto de recuperación integral do río Arlés e o seu contorno: a última das actuacións pendentes de executar entre as incluídas no plan Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciada nun 70% con fondos europeos FEDER.
Canarga, S.L., resultou ser a empresa que obtivo unha mellor clasificación de entre as 23 empresas presentadas, cunha oferta de 595.205 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de 60 días. O procedemento de contratación era aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación.
A grandes rasgos, o proxecto ambiental que se pretende realizar (e que foi elaborado pola empresa Hidria Ciencia, Ambiente y Desarrollo, S.L.) prevé a creación dunha senda dende a confluencia do río coa estrada DP 71304 e que ao longo de case cinco quilómetros descorrerá paralela ao cauce do río Arlés (tamén chamado Artes e Sanchanás) e estará realizada en materiais respectuosos co entorno.
Outras accións previstas son a limpeza e desbroce na parte máis alta do río, na que se insinuará un percorrido delimitándoo coa colocación de fitos, así como o acondicionamento dos camiños, viais e estruturas existentes no transcurso da senda.
Tamén será creada unha área recreativa con zona de descanso e esparcimento no curso baixo do río e activarase un plan de sinalización, orientación e divulgación do patrimonio natural, etnográfico, cultural e paisaxístico, instalando paneis de situación e acceso, e situando mesas interpretativas ao longo da senda.
De forma simultáneo a esta fase de contratación estase a tramitar o procedemento de ocupación dos terreos necesarios para a execución da obra.