“Transformando en Brión” suporá unha inversión de máis de 200.000 euros, promoverá a produción e comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados, tanto animais e vexetais e estará aberto a agricultores e gandeiros de toda a comarca
O alcalde de Brión, José Luís García, asinou esta mañá un importante convenio de colaboración coa empresa promotora do Centro Comercial Monte Balado, representada por Encarnación Branco, e coa Comunidade de Propietarios de Monte Balado, presidida por Dolores Reboiras, para impulsar un ambicioso proxecto de desenvolvemento para o municipio e para as comarcas de Compostela e do Barbanza. Un convenio que permitirá poñer en valor o inmoble do centro comercial Monte Balado, onde se implantarán un espazo de traballo colaborativo (coworking) de ámbito supramunicipal para o fomento da agricultura ecolóxica e un proxecto privado que inclúe a posta en marcha dunha residencia de maiores e dun centro de día.
Residencia e centro de día
A empresa promotora do Centro Comercial de Monte Balado vai implantar aló unha residencia de persoas maiores con 114 prazas e un centro de día, con entre 40 e 50 prazas. No centro de día, todas as persoas residentes en Brión terán un desconto mínimo do 15%. Ademais, tanto a residencia coma o centro de día contarán cunha serie de prazas (concretamente 2 prazas na residencia e 5 prazas no centro de día) que o Concello de Brión poderá xestionar dende o seu Departamento de Servizos Sociais.
“Unhas prazas que estarán destinadas a persoas en situación de risco e con escasos recursos, nas que se aplicará un importante desconto sobre o prezo xeral: 30%. E a todo isto engádese ademais o compromiso de que cando menos o 50% dos traballadores serán contratados entre persoas residentes no termo municipal de Brión”, explicou José Luís García.
“Transformando en Brión”
A maiores, a cesión de espazos en Monte Balado ao Concello de Brión supón que o municipio disporá gratuitamente e durante 50 anos dun local de 200 m2 para a promoción do traballo colaborativo, que estará destinado ao fomento da agricultura ecolóxica e no que porá en marcha un proxecto pioneiro en Galicia, e mesmo en España, denominado “Transformando en Brión”. Un espazo de traballo colaborativo que terá un orzamento superior aos 200.000 euros, achegados na súa maioría pola Deputación da Coruña, e que segundo as previsións do presidente provincial, Valentín González Formoso, podería estar en obras este mesmo verán.
Este espazo estará dividido en tres seccións:
– unha zona de obradoiro, con dúas liñas de traballo para que poidan estar traballando dúas persoas ao mesmo tempo
– unha zona de exposición e venda
– e unha zona de formación, para o desenvolvemento de actividades, cursos, etc. Ademais, contará cun almacén e unha zona de servizos
García explica que “co apoio da Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local, o Concello de Brión porá en marcha un espazo supramunicipal que dará cobertura ás pequenas explotacións agrogandeiras da comarca e porá a súa disposición ferramentas para a produción, valorización, promoción e comercialización dos seus produtos. Unhas ferramentas que non son asumibles de xeito individual polas pequenas explotacións da nosa comarca”.
“Transformando Brión” facilitará a produción e comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados, tanto animais como vexetais; ademais de por en valor a calidade e diversidade das producións locais, cada vez máis demandada por unha sociedade que consume máis san e de xeito máis responsable.
Actuacións
“Este proxecto pretende converter as instalacións cedidas nun espazo xerador de oportunidades no rural, aproveitando as fortalezas da produción tradicional para o crecemento socioeconómico comarcal e como exemplo de economía circular”, indicou José Luís García. Nel contémplanse diversas actuacións como:
– dotación de equipamentos
– captación de novos produtores e produtoras
– formación para a produción, transformación e comercialización
– formación a entidades de consumo
– acompañamento técnico e económico a pequenos promotores agrogandeiros
– seguimento e control de produtos e procesos
– accións de promoción, manipulación, transformación e promoción de alimentos para a súa venda.
Esta iniciativa servirá para que profesionais do sector agrogandeiro, persoas autónomas, emprendedoras e empresarios compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos e coñecementos. “Con este novo enfoque de traballo aplicado ao sector agrogandeiro, queremos fomentar a innovación, a participación, a colaboración e a transferencia de coñecementos e experiencias dentro do propio sector, así como facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas en Brión, na comarca e na nosa contorna”, apuntou García.
Este espazo de traballo colaborativo do Concello de Brión pasará a integrarse na Rede provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, creada no seo do Plan de Emprego Local para impulsar o emprego de calidade nos concellos coruñeses e dinamizar o tecido socioeconómico local.
Rede provincial de espazos de traballo especializados
Pola súa banda, Valentín González Formoso enmarcou o proxecto nas liñas estratéxicas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, dotado con 30 millóns de euros para o período 2016-2019. “Pretendemos crear unha rede provincial de espazos de traballo especializados”, explicou o presidente provincial e afirmou que se trataría “dun proxecto pioneiro a nivel nacional”, que “por primeira vez aposta por crear viveiros sectoriais de empresas” en diversos emprazamentos da provincia, que contribúan a fomentar as sinerxías e a transferencia de coñecemento en eidos coma o audiovisual, o sector pesqueiro e marisqueiro, o desenvolvemento sustentable ou o turismo, agrupando ás iniciativas empresariais e emprendedoras da comarca segundo o sector da súa actividade.
A área de Promoción Económica emprende en Brión un proxecto “que nace de arriba abaixo”, pois intenta dar resposta ás demandas do propio tecido asociativo e empresarial da zona, que trasladaron á Deputación a necesidade dun espazo destas características para transformar e comercializar os produtos coas mellores condicións de calidade e seguridade.
“Apoiar ao tecido empresarial da provincia, aos proxectos emprendedores que nacen é a responsabilidade e nosa obriga”, afirmou González Formoso, que defendeu o notable incremento do investimento e a actividade da institución provincial no eido do fomento do emprego “porque as institucións temos que estar onde lle preocupa á xente”.