O Concello de Santiago destinou en 2017 un total de 360.000 euros ao mantemento das 21 instalacións deportivas municipais, dos que 140.000 euros foron para os nove campos de fútbol. As intervencións máis importantes foron as realizadas no campo de fútbol de San Lázaro e nas instalacións de Santa Isabel.
A concelleira de Deporte, Noa Morales, destacou o importante número de instalacións deportivas dependentes do Concello, moitas delas levantadas nos anos 90, que “obrigan a un mantemento case continuo e que ás veces non é suficiente”. Neste investimento en arranxos non se inclúen obras integrais como as que se levarán a cabo nos campos de futbol de San Lázaro e Santa Isabel ou no pavillón do Apóstolo Santiago. Estas últimas, indicou, “está previsto que se inicien o 2 de abril, cunha duración estimada de catro meses e un orzamento de máis de 200.000 euros”.
Para o 2018 manteranse os 360.000 euros de orzamento para este tipo de obras. “Temos un contrato de mantemento cunha cantidade xenérica e os técnicos de Deportes son os que van sinalando cales son as prioridades en base ao diñeiro dispoñible”, explicou a concelleira. Esta cantidade destinada ao mentemento supón un 10% do total do orzamento do que dispón o Departamento de Deportes.
Intervención en case todas as instalacións
En canto ás actuacións de mantemento realizadas no pasado 2017, Noa Morales salientou a do estadio de San Lázaro, “na que se investiron 90.000 euros para diversas actuacións, como a compra de porterías de fútbol e a colocación dun panel separador interior nos vestiarios, así como falsos teitos”. No polideportivo de Santa Isabel destináronse case 4.000 € a pequenos arranxos, mentres que no campo de fútbol anexo colocáronse porterías e bancos nos vestiarios e arranxouse o marcador, cun investimento total de 16.000 euros.
No campo de fútbol Lamas de Abade instalouse un valado metálico nos extremos das bancadas, no pavillón de Vite arranxáronse as canastras e as redes das porterías, e no pavillón de Quiroga Palacios pintouse a fachada. Tamén se interveu no pavillón Carmen Estévez, e no do Pío XII, onde se substituíron os aros das canastras e se arranxou o sistema de deshumidificación.
Outros investimentos importantes foron os realizados no pavillón Lorenzo de la Torre (2.000 euros) e no recinto de Pontepedriña (10.000 euros), onde se instalaron novas canastras de minibásquet. No campo de fútbol das Cancelas destináronse 5.000 euros a obras no muro, novos asentos e pintura. Noutro dos recintos de herba artificial, o de Villestro, instaláronse placas de separación nos vestiarios, ademais de substituír taboleiros nas bancadas.
Seguindo cos campos de fútbol, fixéronse reparacións puntuais no do Sergas, e colocáronse novas porterías no de Belvís. No terreo de fútbol de Conxo houbo obras de mantemento por 10.000 euros, e no de Marrozos acometeuse o acondicionamento do campo de xogo.
Ademais, actuouse nos pavillóns de Fontiñas, Restollal e Monte dos Postes, instalacións estas que están pendentes de obras maiores. Finalmente, tamén se realizaron arranxos na pista de chave de Galeras.