Friday 22 de November de 2024

As mellores gangas en téxtil, calzado, deportes, decoración etc xa se poden atopar dende hoxe na VI Feira de Oportunidades de Ordes


 

Permanecerá aberta ata o vindeiro sábado e paralelamente tamén terá lugar o evento gastrolúdico Vaiá Praza, ‘Entre Pans’. Música en vivo, venda de petiscos, cantina e recuncho infantil, ademais das ofertas de quince establecementos, son algúns dos principais atractivos desta nova edición

Dende esta mañá no primeiro andar da Praza de Abastos pódense atopar as mellores gangas en moda infantil, de home e muller, complementos, deportes, perfumería, xoguetes, zapatería, etc. A VI Feira de Oportunidades manterá aberta as súas portas ata o vindeiro sábado, 3 de marzo, cun horario que vai de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Nesta primeira xornada foi moi numeroso o público que se animou a pasar polos distintos postos a pesar da chuvia.

En total teñen presenza quince firmas comerciais do municipio. Estas son: A Tenda de Ana (decoración), Alfombra Roja (zapatería), Blanco Moda (infantil e xuvenil), Capitán (calzado), Carma (zapatería), Chic (moda muller), Dress (moda muller), Juan Carlos Varela (moda infantil), Mis Personajes (xoguetería), Muxa (moda muller), Numa (moda muller), Peteiro (decoración), Sportec (deportes), Tenda Aromas (perfumes e fragrancias) e Dana e Aine (complementos).

Troco de libros
Ademais, neste día tamén tiveron presenza mozos e mozas do IES Maruxa Mallo, que aproveitaron o escaparate que supón esta feira para dar a coñecer o seu proxecto de emprendemento de troco de libros.

Para facilitarlles as compras ás persoas adultas a organización ten habilitado un curruncho de xogos onde os máis pequenos e pequenas poderán divertirse con obradoiros creativos e artísticos entre outros xogos. Tanto hoxe como mañá venres o servizo estará dispoñible de 18 a 20 horas, mentres que o sábado se ampliará o horario durante a mañá tamén, concretamente de 10.30 a 12.30 horas.

Xornadas gastrolúdicas
Nesta ocasión, e como principal novidade, a feira coincidirá coas xornadas gastrolúdicas Vaiá Praza ‘Entre Pans’. Concretamente terán lugar os días 2, 3 e 4 de marzo, cun programa que inclúe música ao vivo con grupos como Manu Camagno, Andhrea & The Black Cats, The Biglis Gumbo Band ou Chach DJ; espectáculos gastronómicos; venda de petiscos e servizo de cantina. Ademais unha porcentaxe da recadación obtida será destinada á Asociación de Festexos de Ordes.

Tanto o Concello de Ordes como a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) e o grupo Mordes son os encargados de poñer en marcha esta iniciativa.