Friday 22 de November de 2024

Mañá abre as súas portas a VI Feira de Oportunidades do Concello de Ordes


 

Terá lugar ata o vindeiro sábado cun total de 15 firmas comerciais. Paralelamente levarase a cabo tamén o evento Vaiá Praza, ‘Entre Pans’, con espectáculos gastronómicos, música, venda de petiscos e servizo de cantina

A partir de mañá xoves e ata o vindeiro sábado terá lugar en Ordes a VI Feira de Oportunidades. O primeiro andar da Praza de Abastos acollerá as mellores ofertas e promoción en téxtil, complementos, xoguetería, zapatería etc. Os quince establecementos con presenza nesta nova edición manterán abertos os seus postos de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

As firmas participantes son: A Tenda de Ana (decoración), Alfombra Roja (zapatería), Blanco Moda (infantil e xuvenil), Capitán (calzado), Carma (zapatería), Chic (moda muller), Dress (moda muller), Juan Carlos Varela (moda infantil), Mis Personajes (xoguetería), Muxa (moda muller), Numa (moda muller), Peteiro (decoración), Sportec (deportes), Tenda Aromas (perfumes e fragrancias) e Dana e Aine (complementos).

Mentres as persoas adultas realizan as súas compras os máis pequenos e pequenas poderán divertirse nun curruncho infantil, onde non faltarán os obradoiros creativos e artísticos. Este servizo estará dispoñible de 18 a 20 horas o xoves e o venres (días 1 e 2), ampliándose o sábado (3 de marzo) de 10.30 a 12.30 horas e de 18 a 20 horas.

Xornadas gastrolúdicas
Nesta ocasión, e como principal novidade, a feira coincidirá coas xornadas gastrolúdicas Vaiá Praza ‘Entre Pans’. Concretamente terán lugar os días 2, 3 e 4 de marzo, cun programa que inclúe música ao vivo con grupos como Manu Camagno, Andhrea & The Black Cats, The Biglis Gumbo Band ou Chach DJ; espectáculos gastronómicos; venda de petiscos e servizo de cantina. Ademais unha porcentaxe da recadación obtida será destinada á Asociación de Festexos de Ordes.

Tanto o Concello de Ordes como a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) e o grupo Mordes son os encargados de poñer en marcha esta iniciativa.