Friday 22 de November de 2024

A Xunta aborda cos xuíces as liñas estratéxicas do novo Plan Senda 2020


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira reuníronse cos representantes do poder xudicial para analizar os obxectivos da nova folla de ruta en materia TIC

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Mar Pereira, reuníronse cos xuíces decanos das sedes xudiciais das sete grandes cidades e os presidentes das Audiencias provinciais de Galicia para abordar o novo Plan Senda 2020 que permitirá avanzar na modernización tecnolóxica da Xustiza en Galicia.

Os responsables da Xunta expuxeron as grandes liñas estratéxicas sobre as que se está a elaborar o novo plan e recolleu as impresións e necesidades dos maxistrados. Tras acadar un avance significativo mellorando as infraestruturas, os medios e o equipamento tecnolóxico do eido xudicial coas medidas do Plan Senda 2014, Galicia conta agora cos instrumentos necesarios para lograr implantación efectiva do Expediente xudicial Electrónico.

Este é un dos principais obxectivos do novo Plan Senda 2020 para facer realidade a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos nun marco de interoperabilidade con todas as entidades do ámbito xudicial e co resto de Administracións e Entidades Públicas relacionadas.

Outras liñas estratéxicas do novo Plan serán dotar á Administración de Xustiza de novos modelos de relación cos cidadáns máis sinxelos, incrementando a transparencia e proximidade a esta administración. Tamén prevé Implantar novos modelos de organización e uso dos recursos orientados mellorar a eficiencia da Administración de Xustiza e dotar aos profesionais do ámbito xudicial as ferramentas precisas para contar coa información accesible no momento que a requiran

Outro dos eixos estratéxicos é implementar as medidas de seguridade que garantan o control de accesos, a trazabilidade das operacións, así como o intercambio seguro de información con outras entidades. Manter un parque tecnolóxico actualizado e adaptado ás iniciativas de modernización dos procedementos, ferramentas e servizos da Administración de Xustiza e formar e dar soporte aos usuarios implicados son as outros obxectivos xerais sobre os que se pilota o novo plan.

Senda 2014
O Goberno galego asumiu en 2009 o reto de integrar as TIC na eido xudicial en Galicia para acadar unha xustiza máis áxil e próxima ao cidadán. Con este obxectivo púxose en 2009 en marcha o Plan de Medidas Urxentes para para dar resposta ás necesidades máis inminentes e subsanar unhas deficiencias históricas en materia tecnolóxica neste ámbito. O seguinte paso foi o Plan Senda 2010-2014, a a folla de ruta para integrar as TIC na Xustiza

Cinco anos despois e cun investimento de máis de 23 millóns de euros conseguise dotar á xustiza galega dunha infraestrutura tecnolóxica máis robusta grazas a renovación de servidores, a ampliación de capacidade da liñas e a dotación de liña de respaldo en todos os órganos xudiciais.

Implantouse una rede de videoconferencia con 60 puntos en sala e 378 usuarios de videoconferencia persoal, e as 170 salas da Comunidade contan con sistema de gravación de vistas. Renováronse máis de 2.000 equipos de sobremesa e portátiles e máis de 800 impresoras

Completouse a implantación de Lexnet e consolidouse o uso dos sistemas de información Minerva e Fortuny. Ademais, dixitalizouse o traballo dos forenses do IMEGLA co novo sistema informático Simelga, o recordatorio de citas vía sms e a axenda electrónica e. Tamén se completou o proceso de acreditación dixital dos profesionais do eido xudicial co reparto de 2.777 das tarxetas intelixentes. Púxose en marcha o portal da Xustiza con toda a información sobre os servizos e recursos dispoñibles e a Axenda de Sinalamento de Vistas.

E todas estas medidas estiveron acompañadas dun Plan de formación, que impartiu máis de 51.600 horas de formación presencial e da creación dun Centro de Atención a Usuarios que atende unhas 30.000 solicitudes de servizo anuais