O obxectivo é promover esta experiencia pioneira en Galicia para garantir a provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade na área da Coruña a través dunha ordenación do territorio desde un punto de vista ambiental
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de abrir un proceso de participación pública arredor da futura Infraestrutura Verde da Área da Coruña co fin de enriquecer este proxecto, pioneiro en Galicia, coas achegas da cidadanía e dos axentes socioeconómicos da zona.
Con este obxectivo, promoveranse un total de 19 obradoiros participativos que percorrerán todos os concellos que integran a zona xeográfica de traballo e servirán para testar a opinión da poboación sobre a protección de zonas naturais e a orientación dos usos e aproveitamentos do territorio desde unha perspectiva medio ambiental.
A través deste proxecto, presentado oficialmente o pasado mes de outubro, Galicia adiántase a un futuro requirimento tanto de Europa como de España para promover estes instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos co fin de garantir a provisión de todo tipo de servizos ambientais e a protección da biodiversidade das áreas urbanas e tamén rurais.
Para deseñar esta novedosa Infraestrutura Verde da Coruña, a primeira zona elixida para ser obxecto dunha ordenación integral do territorio desde un punto de vista ambiental, o departamento autonómico quere contar coa colaboración activa tanto da sociedade civil como do resto de administracións. Así, xa no mes de xaneiro abriuse o proxecto á participación dos 30 concellos que integran a área da Coruña co fin de articular un espazo de colaboración intermunicipal para a xestión da iniciativa.
Coa organización agora destes 19 obradoiros, que comezaron a semana pasada e percorrerán os concellos desta área xeográfica ata comezos de maio, Medio Ambiente estende o proceso de participación á cidadanía en xeral e aos distintos axentes socioeconómicos interesados en aportar as súas ideas. Celebrouse o terceiro destes talleres participativos no Concello de Carral e a seguinte cita está prevista para o xoves, 1 de marzo, en Culleredo.
Todas as opinións e propostas recollidas serán analizadas e tidas en conta nos traballos de elaboración da Infraestrutura Verde, integrándoas tanto na análise e diagnóstico do ámbito territorial como no posterior deseño e planificación da iniciativa e nos proxectos de desenvolvemento da mesma.
Participación en catro etapas
Cómpre lembrar que a Infraestrutura Verde da Área da Coruña é unha iniciativa pioneira na comunidade e en cuxo deseño están traballando desde finais do ano pasado o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Mariñas Betanzos’ e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.
O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña articularase en catro fases. A primeira delas incluirá unha serie de enquisas aos alcaldes co fin de recadar datos sobre os principais proxectos de cada municipio en materia ambiental e para a protección dos seus ecosistemas, que se utilizarán despois na elaboración do proxecto; e a seguinte centrarase na análise dos resultados das entrevistas e tamén dos estudos realizados por todas as entidades implicadas no deseño do proxecto.
A partir da documentación aportada polo equipo técnico, traballarase na definición dos obxectivos e proxectos concretos da Infraestrutura Verde da Área da Coruña e no seu plan de acción. E a cuarta e última etapa, servirá para impulsar e facer un seguimento da estratexia.