Friday 22 de November de 2024

Último día para solicitar en San Sadurniño as axudas para entidades deportivas, bolsas de estudo e axudas para os gastos das familias na Escola Infantil Municipal


Este mércores 28 de febreiro finaliza o prazo para solicitar tres liñas de axuda convocadas polo Concello de San Sadurniño para subvencionar as actividades dos clubes deportivos do municipio, para outorgar bolsas de estudo e para colaborar coas familias que teñen criaturas matriculadas na Escola Infantil Municipal no presente curso. O total reservado para cubrir estes tres apartados ascende a 31.000 euros, 6.000 para clubes que non dispoñen de convenio nominativo e 25.000 para as axudas relacionadas co ámbito educativo.

Así, para as bolsas de estudos existe unha partida de 15.000 euros que se subdivide á súa vez en dúas contías: 5.000 euros para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de primaria e, por outra banda, 10.000 euros para axudas a estudos postobrigatorios, como son bacharelatos, ciclos formativos e universitarios.

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos -ata 200 euros- valoraranse o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda. Se o mozo ou moza está cursando estudos universitarios deberá ter matrícula en alomenos o 50% dos créditos do curso correspondente. Neste último caso a axuda pode chegar aos 600 euros.

Axudas para familias usuarias da Escola Infantil
Por outra banda as axudas para servizos de conciliación volven ir dirixidas exclusivamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2017/2018. A partida total é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 18.000 euros de base liquidable.

A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla dependendo, iso si, do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -de novo a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.

Ás axudas da EIM poderán acollerse tanto as familias que teñan criaturas xa matriculadas no centro como aquelas ás que se lles confirme a admisión durante o periodo de solicitude da bolsa. É dicir, a elas poderán optar familias con nenos e nenas na escola durante o curso 2017/2018. Quen teña previsto solicitar praza a partir de marzo -mes no que abre o período de preinscricións para o curso 208/2019- deberá agardar á convocatoria do ano que vén.

Axudas para clubes deportivos
No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 6.000 euros, aínda que tamén cómpre ter en conta que varias entidades terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei -18.000 euros-, o C.F. San Sadurniño -9.000- e o Clube ciclista Biela e Chaveta, cun convenio de 1.000 €.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, compra de material, etc. agás a os gastos financeiros nin tampouco os derivados da organización de xantares, eventos gastronómicos e similares.

O prazo para presentar a solicitude de axudas para as entidades deportivas e tamén para bolsas escolares -e axudas da EIM- vence este mércores 28 de febreiro.