O grupo parlamentario socialista do Congreso dos Deputados veñen de elevar ao Goberno do Estado unha petición da agrupación socialista de Ordes para que se mellore a seguridade viaria na rúa Alfonso Senra, concretamente no paso de peóns de entrada á vila, na N-550. “Entendemos que o paso de peóns situado á altura do antigo aserradoiro de Mirás e do edifició 163 da rúa Alfonso Senra non cumpre coas condicións mínimas de seguridade para os peóns que o cruzan, polo que instamos ao Goberno a colocar un semáforo, mellorar a iluminación do paso ou instalar outro elemento que incremente a seguridade dos veciños e veciñas”, explica Alejandro Manteiga, voceiro municipal.
Os socialistas lembran que os vehículos que circulan nese punto da N-550 entran na vila a unha elevada velocidade e non se decatan da existencia deste paso de peóns, emprazado a poucos metros dun transitado cruce de estradas. “Non é a primeira vez que as persoas que o cruzan están cerca de ser atropeladas, polo que é preciso tomar as medidas preventivas que sexan precisas para aumentar a seguridade viaria na zona”, indica Manteiga.
A iniciativa foi presentada polas deputadas socialistas Rocío de Frutos Madrazo, Pilar Cancela Rodríguez, Dolores Galovar Carrera e Margarita Pérez Herráiz, así como polos deputados Guillermo Meijón Couselo e Ricardo García Mira.