A instantánea tomarase este sábado ás 11.30h. diante da nave do mercado
O próximo día 8 conmemórase o Día Internacional da Muller. Unha data marcada no calendario para reivindicar unha igualdade real da muller na sociedade. Unha igualdade de dereitos e de oportunidades que se debe construír todos os días, non un só. Facendo seu este obxectivo, o Concello organizou varias actividades para os próximos días comezando pola fotografía que se vai sacar o sábado ás 11.30h. diante da nave do mercado. As protagonistas serán as mulleres de Moeche. Labregas, políticas, profesionais autónomas ou por conta allea, xubiladas, desempregadas… todas elas están chamadas a posar nesta foto de grupo que pretende ser un retrato en feminino do municipio.
A convocatoria diríxese a todas as mulleres de Moeche co fin de facer unha foto de grande tamaño que recoñeza institucionalmente o rol feminino no devir do municipio. Labregas, gandeiras, farmacéuticas, hostaleiras, administrativas, políticas… “mulleres que día a día sosteñen e constrúen Moeche, sendo ademais un exemplo para as súas fillas e fillos”, comenta a alcaldesa, Beatriz Bascoy. “Queremos captar unha imaxe do Moeche en feminino de 2018 que despois penduraremos con orgullo nun lugar destacado da Casa do Concello”.
O punto de encontro para a instantánea é a entrada principal do Mercado de Moeche, na nave dos tecidos, entre as 11.30 e as 12.00h. deste sábado, día 3 de marzo.
Para a rexedora local a foto “é só un pequeno xesto de recoñecemento” que, porén, non suple “a loita diaria que se debe facer a prol da igualdade” xa que, segundo asegura Bascoy, “a pesar das celebracións e das campañas de concienciación, as mulleres seguimos tendo máis dificultades cós homes para traballar fóra da casa, seguimos cobrando de media menos ca eles facendo o mesmo ou máis traballo e, salvo casos honrosos coma o do noso propio Concello, aínda hoxe, en pleno século XXI, debemos vencer machismos e barreiras invisibles para acceder a postos de responsabilidade”.
A alcaldesa sinala que o 8 de marzo “é unha data para reflexionarmos todas e todos, mulleres e homes, sobre o mundo no que vivimos e o que queremos deixarlles ás nosas fillas e fillos”. “Un mundo -prosegue Bascoy- onde as rapazas medren en igualdade e onde o patriarcado tradicional lle dea paso, dunha vez por todas, á corresponsabilidade en todos os ámbitos da vida”.
Programa “Por ti, avoa”
Outra das propostas do Concello con motivo do Día Internacional da Muller é o programa “Por ti, avoa”, que se desenvolve en colaboración co CEIP San Ramón. As nenas e nenos do colexio farán manualidades, escribirán poemas e cantarán cancións coas que agasallar ás súas avoas, como xeito de agradecerlles o que aprenden delas día a día, pero tamén de recoñecerlles o que significan nas súas vidas e na do concello.
A entrega dos regalos da xente miúda ás avoas farase nun encontro que terá lugar no colexio o mércores 7 de marzo a partir das 11.00h. Nel participarán varias mulleres que lles contarán aos nenos e nenas como era a vida na súa infancia e mocidade, incidindo especialmente en como incidían as diferenzas de xénero impostas pola sociedade en cada momento.
Proxección de “Os fenómenos”
A programación municipal do Día da Muller finalizará o sábado 10 no Centro Sociocultural Francisco Piñeiro, en Abade. Ás 20.00h. proxectarase con entrada libre o filme “Os fenómenos”, dirixido por Alfonso Zarauza.
A película conta a historia de superación de Neneta, a nai dun bebé que busca traballo para soster a súa pequena familia. No seu Ferrol natal consegue un posto nunha cuadrilla da construción formada por homes. A base de esforzo e coraxe demostrará a súa valía profesional… e non contamos máis.
Cea de mulleres organizada pola A.VV. de Labacengos
Ademais da programación municipal, a Asociación veciñal de Labacengos organiza unha cea de mulleres que terá lugar en Casa Pena o venres día 9 sobre as 21.30h.
O menú estará composto por uns entrantes de empanada, croquetas, pementos recheos e mexillóns en escabeche; seguidos por un medallón de solombo con crema de champiñóns como prato principal e unhas milfollas de crema como sobremesa. No prezo vai incluído o café e maila bebida.
Esta cea está aberta a todas as mulleres da parroquia, de Moeche e dos concellos da volta. O prezo son 20€ e durante a noite haberá varios sorteos. A data límite para apuntarse é o 5 de marzo e o aforo é limitado. Para inscribirse hai que chamar ao 606 729 038.