Friday 22 de November de 2024

Estrea de ‘Morriña’ o novo musical de Tania Veiras esta fin de semana en Ribadumia


O espectáculo narra a historia de dous mozos e a moza que deciden emigrar a América en busca dunha nova vida. O soño de Lola, de ser cantante por riba de todo, será o principal na súa toma de decisións. Música, humor e interpretación danse a man neste novo traballa co que a polifacética artista inaugura unha nova etapa

A cantante, actriz e presentadora Tania Veiras estreará esta vindeira fin de semana o seu novo espectáculo titulado ‘Morriña’, dirixido a todos os públicos. A estrea terá lugar no auditorio de Ribadumia ás 18 horas e as entradas xa se poden adquirir polo módico prezo de 5 € chamando ao 665763676 ou ben no River Café.

Con Morriña a polifacética artista ordense comeza unha nova andaina tras unha etapa como presentadora de Luar e cantante de diversas orquestras e formacións musicais. “Morriña é unha conxunción de música galega de toda a vida, co humor propio da terra e un tema que, novamente, volve estar en vixencia como é a emigración”, asegura a artista.

A trama desenvólvese entre Galicia e América, e moi especialmente no Centro Galego de Buenos Aires. Ambientada nos anos 50 nárrase a aventura emprendida por dous mozos que deciden emigrar a América en busca dunha nova vida. Tras a súa marcha son seguidos por Lola, a moza dun deles, que ten un soño na súa mente do que non se pode afastar, o de ser cantante. Ao longo de máis dunha hora cancións tradicionais e populares como ‘Pousa, pousa’, ‘Vivir na Coruña’, ‘A Rianxeira’ ou ‘Carolina’, entre outras moitas, altérnanse con tramas de todo tipo e coreografías.

No elenco actoral tamén figuran Pedro Da Devesa, Manuel Liste e Abel Blanxo, este último tamén natural de Ordes. Tamén hai que sumar o corpo de baile composto por seis bailaríns da compañía Breogán Pérez.