O Concello de Boqueixón e o de Vila de Cruces organizan estas actividades, que se desenvolverán os días 4 e 10 de marzo
O Concello de Boqueixón, en colaboración co veciño de Vila de Cruces, organiza dúas visitas teatralizadas á Ponte Ledesma. A primeira das sesións terá lugar este domingo 4 de marzo ás 12 da mañá e a segunda ofrecerase o sábado 10 de marzo á mesma hora.
O punto de inicio das visitas será o Campo do Río de Ledesma.
Con esta actividade conmemóranse os 209 anos da batalla que se librou nesta emblemática ponte entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños no mando de Benito Martínez. O guía turístico e actor Suso Martínez será o encargado de encarnar ao capitán que logrou conter, aínda que fose temporalmente, o avance do exército francés grazas ao apoio dos campesiños que batallaron armados con trabucos e apeiros de labranza.
Os asistentes poderán revivir esta batalla recorrendo a ponte e os seus arredores a través das indicacións de Benito Martínez, que resucitará para explicar o episodio con todo detalle. Unha excelente oportunidade para descubrir a historia en torno a este importante enclave histórico e cultural.
Inscrición previa
Os interesados e as interesadas en participaren nestas visitas teatralizadas gratuítas deberán inscribirse ben no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a concellodeviladecruces@gmail.com). O período para inscribirse á actividade conclúe o venres anterior a cada unha das representacións (2 de marzo e 9 de marzo, respectivamente).