Amplíanse os contidos curriculares coa incorporación da editorial Planeta como terceiro provedor para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de completar a renovación de 133 ultraportátiles para o alumnado dos 3 centros educativos da Comarca de Bergantiños adheridos á iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar.
Os novos equipos dos alumnos poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integradas un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías como imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; apps de experimentos e circuitos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas, entre outras.
A renovación de equipamento é unha das melloras previstas pola Xunta para impulsar a extensión do libro dixital nos centros educativos galegos, á que se suman a posta en marcha dun Servizo de Soporte Premium, a ampliación de contidos e a mellora da conectividade dos centros.
Servizo Premium
Este ano activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica, online, email, apps..); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Alumnado, docentes e familias terán neste servizo unha única vía de atención, a través de diferentes canles para todas as cuestións relacionados co uso do libro dixital, dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. Desde este punto, atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidencias que poidan ter os usuarios, resolvéndoas de xeito remoto, se é posible, ou activando os servizos presenciais para que estas se resolvan onde se atopen os usuarios se non fose posible resolvela remotamente.
O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran una atención presencial.
Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Novos Contidos
Respecto aos contidos, en marzo estarán dispoñibles os novos contidos do Grupo Planeta aulaPlaneta, que se incorpora como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé.
aulaPlaneta integrará na plataforma do libro dixital máis de 7.800 recursos curriculares para 5º e 6º de Primaria e máis de 12.500 recursos para 1º e 2º da ESO. Ademais das materias obrigatorias, ofrece máis de 400.000 recursos educativos de animacións, fotografías e gráficos de alta calidade, vídeos e fragmentos sonoros, estatísticas actualizadas, atlas mundial, cronoloxías, artigos de temas de actualidade, navegador visual, etc. Tamén ofrece máis de 500 horas de formación a profesores para a integración e desenvolvemento da competencia dixital docente.
A proposta curricular de aulaPlaneta enriquece os contidos con secuencias didácticas adaptables ás necesidades da aula, propostas para fomentar a indagación, a investigación e o traballo colaborativo, así como exercicios para pensar e consolidar o aprendido.
Ademais, están en fase de licitación dous novos contratos: por un lado, o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos innovadores; e por outra parte, o contrato do provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
Plan de formación dixital
Outra das medidas é o desenvolvemento dun plan continuo de formación dixital a docentes. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas sobre a educación dixital. Actualmente, estanse a desenvolver plans de formación permanente do profesorado sobre E-Dixgal en 40 centros.
Investimento
O goberno galego investirá un total de 27 millóns de euros no curso 2017-2018 no desenvolvemento de todas estas liñas de actuación para consolidar a educación integramente dixital en Galicia.
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal en Bergantiños
Malpica
IES Urbano Lugrís
Coristanco
EFAG Fonteboa
Carballo
CEIP A Cristina