Friday 22 de November de 2024

O Goberno local inicia o procedemento para revogar a licenza da planta de Miramontes


A Xunta de Goberno acordou hoxe incoar o procedemento de revogación de licenza de obras concedida para a construción da planta de tecnosolos de Miramontes, ao estimar que non se manteñen as condicións que motivaron a concesión dese permiso. A empresa responsable terá un prazo de 15 días para presentar as alegacións que considere oportunas.

A licenza de obras para a construción da planta de tecnosolos de Miramontes foille concedida á empresa Áridos CNC en maio de 2016, despois da autorización da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia. Nos seus informes previos, o departamento autonómico concluía que non eran previsibles “efectos significativos sobre o medio ambiente”, e polo tanto nin sequera se considerara necesario someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que a revogación da licenza de obras por parte do Goberno Local é posible despois de que a Consellería de Medio Ambiente acreditara os incumprimentos que se veñen producindo na planta de Miramontes, “e que o Concello xa viña denunciando con informes propios”. No escrito presentado o pasado 9 de febreiro, o departamento autonómico refírese a cuestións como que as instalacións superan a súa capacidade de tratamento, almacénanse residuos fora da planta e non queda acreditado que o tratamento que reciben sexa o adecuado, xa que se producen lixiviados e malos olores. A Consellería tamén confirmou que en Miramontes se está a aplicar tecnosolo en parcelas non autorizadas, e que se almacenan residuos en lugares non autorizados fora da propia planta, entre outros incumprimentos.

O Regulamento de Servizos das Corporacións Locais sinala que “as licenzas quedarán sen efecto se se incumpren ás condicións ás que están subordinadas, e deberán ser revogadas cando desaparecesen as circunstancias que motivaron o seu outorgamento ou sobreviñesen outras que, de existir naquel momento, xustificarían a denegación da licenza”. Por iso, o Goberno entende que está xustificada a decisión de revogar a licenza de obras da planta de tecnosolos da canteira de Miramontes, cuxa empresa responsable se enfronta tamén a dous expedientes sancionadores abertos pola Xunta, con propostas de multas que poderían alcanzar os 200.000 euros.

Martiño Noriega explicou que o proceso iniciado hoxe pode alongarse “porque a empresa podería pelexar incluso para reclamar indemnizacións, pero entendemos que a situación é da suficiente gravidade como para que o Concello faga todo o posible para que a planta acabe pechada”. O alcalde lembrou, ademais, que o Pleno da Corporación ten acordado requirir a clausura da planta e a restauración da zona da canteira, na última sesión ordinaria na que interveu a Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Miramontes.