Saturday 16 de November de 2024

Rematan as obras de construción de beirarrúas na Rúa Nova


Conta con máis de 600 metros de nova pavimentación sen barreiras arquitectónicas. Dende finais do ano realizáronse traballos na rede de abastecemento, ademais de colocar arquetas, valvulería e canalizacións para a iluminación. O orzamento total ascendeu a algo máis de 125.000 €, aos que hai que sumar outros 17.500 € para o aglomerado e pintado da vía

O Concello de Ordes vén de rematar a construción das novas beirarrúas na Rúa Nova. Trátase de 610 metros lineais (265 por ambas as marxes), a última execución que se realizou nesta céntrica rúa da vila ordense dentro dun proxecto integral que atende a varios servizos.

Concretamente trátase de tramos de 1,80 metros de ancho, ademais doutros 10 treitos de 8 metros de lonxitude e 2 metros de ancho. A nova infraestrutura, que salva todo tipo de barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida, presenta bordos de granito e baldosas de formigón granallado. Para executar correctamente esta intervención foi necesaria a demolición do pavimento existente debido ao seu deficiente estado, ademais da eliminación e posterior recolocación dun muro. O concello tamén instalou bancos en diversos puntos.

O investimento para este proxecto que se iniciou a finais do ano pasado supera os 125.000 €, os cales se sufragarán co remanente rexistrado no exercicio do ano 2016.

A totalidade do proxecto incluíu a canalización de 567 metros de tubaxes de polietileno, dos que 530 son de 90 mm de diámetro e 10 atm de presión (os restantes de 40mm e 10 atm). Tamén se dotou da correspondente valvulería e arquetas de aloxamento para abastecemento de auga potable, así como a canalización de 530 metros de tubo de polipropileno destinado á iluminación pública.

Asfaltado
Nas vindeiras datas o Concello de Ordes ten previsto o asfaltado e o pintado da estrada que se sitúa nesta rúa. O orzamento para esta obra ascende a algo máis de 17.500 euros.