Está dirixido á poboación estudantil da comarca, que terá que realizar vídeos e audios baseados na obra da poeta. Deberán colgalos do 24 de febreiro ao 15 de maio no evento creado especialmente no Facebook do ente supramunicipal
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Ordes convoca á poboación estudantil da comarca a participar en ‘Rosalía verso a verso’. Esta actividade colectiva desenvolverase a través do evento creado no Facebook do entre supramunicipal dende o 24 de febreiro, data do nacemento da escritora, ao 15 de maio.
Alumnos e alumnas dos 14 colexios e institutos da comarca deberán colgar os seus audios ou vídeos recitando versos da obra da ilustre escritora. O centro con maior número de participantes, así como os estudantes que se animen a realizar algunha destas pezas, terán opción a facerse cun premio consistente nun lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A través desta convocatoria, asemade, quérese estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, á par que se difunde e dá a coñecer a obra da poeta por excelencia das letras galegas.