Mañá sábado, ás 17:00 horas, terá lugar a primeira sesión teatralizada no adro da igrexa de Bastavales da man de “Os quinquilláns”
O Concello de Brión ten preparado un amplo programa de actividades para conmemorar o Día de Rosalía, que inclúen visitas teatralizadas no adro da igrexa de Bastavales, contacontos, exposicións e participación na iniciativa “Caldo de gloria”. O programa comezou a desenvolverse esta mesma semana co contacontos “Contando con Rosalía” e continuará mañá sábado 24, ás 17:00 horas, coa primeira visita teatralizada que “Os Quinquilláns” farán no adro da igrexa parroquial de Bastavales.
Así, na tarde do mércores máis de corenta veciños e veciñas de Brión compartiron contos e poemas cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro na actividade “Contando con Rosalía”, posto en escena por Marisa Irimia na sala municipal de exposicións. Un achegamento á poesía dun xeito lúdico, divertido e saboroso destinado aos nenos/as de Brión.
Visitas a Bastavales
Mañá sábado, Día de Rosalía, o alcalde de Brión, José Luís García, participará ás 11:30 horas nun acto institucional no Hostal dos Reis Católicos onde se desenvolverá unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro no lugar en que foi bautizada hai 181 anos. Nel, o rexedor brionés lerá, xunto con representantes doutras institucións, textos da autora de “Cantares gallegos” e “Follas novas”.
Pola tarde, ás 17:00 horas, a compañía teatral “Os Quinquilláns” realizará no adro da igrexa de Bastavales unha visita guiada e teatralizada con Rosalía e a súa relación con este lugar como referencia. As persoas interesadas en participar só deberán acudir ao adro do templo parroquial, xa que a actividade é de balde e aberta a toda a cidadanía.
Así mesmo, o Concello de Brión ten previsto organizar novas visitas ata o vindeiro mes de maio, cuxas datas serán anunciadas no seu momento xa que, ao tratarse dunha actividade ao aire libre, a súa realización quedará supeditada ao tempo atmosférico. A día de hoxe, xa están confirmados todos os sábados de maio (días 5, 12, 19 e 26) así como o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Caldo de Gloria
Ademais, este sábado o Concello de Brión, xunto cos municipios de Ames, Padrón e a Fundación Rosalía de Castro, organiza o “Caldo da Gloria”, unha actividade na que os establecementos hostaleiros que así o desexen servirán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que sería ofrecida como tapa aos clientes nos locais adheridos á esta actividade. En Brión, os establecementos hostaleiros que participan na campaña son: BTV, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso. Poderá desgustarse o sábado 24 e o domingo 25 de febreiro.
Ensino
O programa de actividades tamén se levará aos centros educativos con dúas homenaxes a Rosalía: o 2 de marzo no CEIP de Pedrouzos e o 20 de marzo no IES de Brión, nos que o alumnado fará unha pequena ruta pedestre dende o alto do Monte Rubial ata o adro de Bastavales, onde asistirán a unha nova actuación de “Os Quinquillán”.
Finalmente, a biblioteca municipal de Brión acollerá unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: “Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro”. Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar “Roberto Vidal Bolaño” do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros. Así mesmo, o Concello de Brión levará a cabo unha campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión. Para iso colocará unha lona, cun deseño exclusivo de Xosé Vizoso, no balcón da Casa da Cultura de Brión todos os 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía. Ademais, grazas á súa participación na Ruta Rosaliana, o Concello tamén repartirá marca páxinas, chapas, folleto da ruta e unha bolsa conmemorativa.