A Escola Municipal de Música Magariños de Brión organiza un ano máis o ciclo “Venres musicais”, que chega á súa quinta edición e inclúe dous concertos que terán lugar mañá venres 23 de febreiro e o venres 13 de abril na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión, ás 20:00 horas. A entrada é libre e de balde.
O primeiro concerto terá lugar venres, ás 20:00 horas, e contará “cun repertorio variado de obras, dende o clasicismo ata obras modernas e de carácter popular”, explica Carlos Pintor, director da ESMU Magariños. A interpretación estará a cargo do alumnado de piano e guitarra do Nivel II do Plan Educativo Xeral (PEX), é dicir, dos tres primeiros cursos da escola.
Carlos Pintor lembra que os “Venres musicais” naceron para facer da aprendizaxe do instrumento e a interpretación unha xuntanza que vaia na mesma liña. Queremos así converter a audición diante do público, nun feito cotián para os nenos e nenas que estudan na nosa escola”.
Os “Venres Musicais” están organizados pola ESMU Magariños, que conta coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O seguinte concerto terá lugar o venres 13 de abril no mesmo espazo escénico, por parte do alumnado dos Niveis II e III.