O Concello de Frades e a ONG Mestura colaborarán na organización conxunta de tres cursos gratuítos e unha conferencia para veciñas do municipio ao abeiro do programa “Neneiras”, unha iniciativa para promover a igualdade e a integración social das mulleres do rural. Os tres cursos son “Control do estrés e ansiedade” (6 horas), “Filigrana e complementos decorativos do fogar” (30 horas) e “Manexo e uso de tabletas e smartphones” (30 horas), mentres que a charla xirará sobe “Síntomas da enfermidade do Alzhéimer”.
As catro actividades terán lugar no edificio multiúsos de Frades. A asistencia á conferencia é totalmente libre, se ben para participar nos cursos é preciso anotarse previamente no Concello de Frades ou chamando aos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663. Para facilitar a participación, en todos os casos haberá dispoñible un servizo de conciliación. Ademais, todas as actividades serán de carácter gratuíto xa que están financiadas pola Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo.
Cursos
A primeira cita será o obradoiro psicoemocional: “Control do estrés e ansiedade, técnicas de relaxación”, que terá lugar ao longo de tres sesións os mércores 7, 14 e 21 de marzo, en horario de 16:00 a 18:00 horas. Para o mes de abril quedan os cursos “Filigrana e complementos decorativos do fogar con material reciclado”, que terá lugar os xoves de abril (5, 12, 19 e 26), maio (3, 10, 24 e 31 de maio) e 7 de xuño, así como o martes 22 de maio en horario de 16:00 a 19:00 horas.
O curso “Manexo e uso de tabletas e smartphones” terá lugar os martes de abril (10, 17 e 24), maio (8, 15, 22 e 29) e xuño (5, 12 e 19) en horario de 16:00 a 19:00 horas. Finalmente, no mes de xuño, nunha data aínda por determinar, terá lugar unha conferencia sobre os síntomas do Alzheimer. Terá dúas horas de duración e será de acceso libro e de balde.
Estes cursos son froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a ONG Mestura, que contan co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.