As achegas nesta liña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a primeira a fondo perdido para microempresas, pequenas e medianas, superan os 1,5 millóns de euros na provincia da Coruña e os 4,7 en toda Galicia
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións da empresa Enso Innovation SL, unha das beneficiarias das axudas do programa Innova Peme da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No percorrido polas instalacións, Rodeiro destacou que unha das prioridades da Xunta de Galicia “é, sen dúbida, a aposta pola innovación industrial, que ten que ser o principal motor para que o noso tecido produtivo gañe competitividade para acadar un crecemento económico sostible e de calidade”.
O programa Innova Peme ofrece axudas do 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa, co obxectivo de que as compañías destinatarias teñan mellores indicadores de innovación; maior gasto e máis persoal para I+D+i, máis proxectos colaborativos e mellores opcións para participar en convocatorias internacionais.
Así mesmo, preténdese acadar que as compañías teñan máis produtos e servizos innovadores no mercado e mellores e máis eficientes procesos que as fagan máis competitivas. Esta é a primeira convocatoria de axudas individuais a fondo perdido especificamente destinadas a mellorar o desempeño innovador das microempresas, pequenas e medianas empresas galegas.
A axuda concedida pola consellería de Economía, Emprego e Industria a Enso Innovation supera os 88.000 euros para un investimento total no proxecto de máis de 177.000 euros. Para o seu desenvolvemento contará coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM). Na provincia os investimentos deste programa superan os 1,5 millóns de euros durante dous anos e subvencionan a posta en marcha de proxectos de innovación en 18 empresas.
Esta é unha empresa de base tecnolóxica cuxa actividade principal xira en torno ao asesoramento e o desenvolvemento de novos produtos e servizos aplicados á industria que permitan a redución do impacto ambiental mediante o uso de tecnoloxías facilitadoras como os materiais avanzados, nanotecnoloxías e biotecnoloxías. En concreto, o plan facilitou a obtención final de nanofibras e nanocristales de celulosa con características melloradas e de alto impacto desde un punto de vista técnico, económico e ambiental.