Entran en servizo as redes municipais de abastecemento en A Torre e Boaventura
O Concello de Brión informa de que os veciños e veciñas dos lugares de A Torre e Boaventura xa poden facer uso da rede municipal de abastecemento de auga. Para iso, as persoas interesadas deberán pasar polas oficinas do Servizo Municipal de Augas, emprazado na Urbanización Agronovo 126 baixo en horario de 9:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:30 horas.
As obras de bombeo para levar o abastecemento de auga ás aldeas de Boaventura e A Torre foron executadas pola empresa Espina e Delfín o ano pasado. A pesar de que as obras estaban rematadas dende o 17 de outubro de 2017, non puideron entrar en servizo ata agora porque non tiñan os CUPS (Código Universal de Punto de Subministro) que tiña que conceder Gas Natural Fenosa.
O CUP é un código único que comeza por ES e que identifica un punto receptor de abastecemento de toda a rede de luz. A pesar de que foi solicitado polo Concello de Brión en setembro de 2017, a empresa non o concedeu ata varios meses despois, polo que a posta en marcha do servizo atrasouse ata hoxe en día.
Este non foi o único atraso no desenvolvemento desta obra, pois tamén houbo que agardar varios meses a que os técnicos de Gas Natural Fenosa acudiran a Brión a facer o reforzo da liña de alta tensión para a posta en marcha do novo bombeo.