O inmoble adxudicouse en algo máis de 62.000 euros, superando en 11.600 o prezo de saída
A Xunta de Goberno Local abriu na tarde de onte os sobres coas ofertas presentadas no proceso de poxa pública polas dúas escolas rehabilitadas como vivenda polo Concello en Naraío e Bardaos. Aínda que foron varias as persoas que nos últimos días se interesaron polos inmobles -visitáronos alomenos unha ducia-, finalmente só dúas presentaron formalmente cadansúa oferta e as dúas para a vivenda situada no Eirexado, en Naraío. Tras revisar as contías, a adxudicación provisional recaeu nunha proposta de 62.011 euros, mentres que a segunda postora cifrou a súa oferta en 54.000. A efectos administrativos de momento trátase diso, dunha adxudicación provisional, xa que trala comunicación da resolución a adxudicataria deberá presentar a certificación de estar ao corrente coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social para que se poida facer efectiva a sinatura do contrato. A poxa pola vivenda de Bardaos quedou deserta e, neste sentido, o Concello volverá abrir en breve un novo prazo de licitación.
A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e é unha casiña de 72 metros cadrados en planta baixa asentada nunha finca pechada de 404 metros na que, ademais, hai un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos e unha pequena zona para xardín. No interior leva espazo para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que, ademais de incrementar o espazo útil da edificación orixinal -a antiga escola unitaria do Cerdeirido-, tamén mellora a súa eficiencia enerxética.
A escola rehabilitouse en 2013 dentro dun plan de emprego municipal que tiña como finalidade a posta en valor tanto desta edificación como a doutra situada no lugar das Loibas, en Bardaos, ademais de darlle traballo durante medio ano a catro persoas que se encontraban en situación de desemprego. Por outra banda, o obxectivo municipal tamén era o de contribuír a fixar poboación no rural ofertando dous inmobles por prezos asequibles que, porén, quedaron coas licitacións desertas.
Máis recentemente o Concello fixo unha nova valoración técnica dos inmobles e abriu tamén un novo proceso de poxa pública. A convocatoria suscitou o interese de varias persoas que visitaron ámbalas casas, maiormente a do Eirexado. Ao peche do período de presentación de ofertas -o martes 20- o Concello recibiu dúas propostas económicas poxando por este edificio e ningunha polo de Bardaos, que agora será obxecto dunha licitación nova e, posiblemente, cun prazo de presentación de ofertas máis longo.
A poxa máis alta das dúas presentadas pola antiga escola do Cerdeirido ascendeu a 62.011 euros, 11.665 máis que o prezo de saída. De cumprírense os requisitos especificados nas bases esa será a oferta de adxudicación, que leva aparellado o compromiso de empadroamento en San Sadurniño e de destinar o inmoble ao seu uso como vivenda habitual durante un mínimo de cinco anos, tempo no que a persoa adxudicataria tampouco poderá vendela.