Friday 22 de November de 2024

Lousame acolle este sábado un evento solidario para a toda familia cunha masterclass de body jump e ‘Cantajuego’


Organizada pola ASGPOH e polo Club Pitufolandia para axudar á Fundación Ramón Domínguez na investigación sanitaria

O polideportivo Pilar Barreiro Senra de Lousame acolle na tarde deste sábado 24 de febreiro un evento solidario organizado pola Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e polo Club Pitufolandia. Consiste nunha masterclass de body jump e ‘Cantajuego’ para toda a familia. O Concello de Lousame máis a entidade El Show de los Payasos colaboran con esta iniciativa.

A recadación destinarase aos labores de investigación no ámbito sanitario da Fundación Ramón Domínguez. As entradas teñen un prezo de tres euros por persoa. Poden adquirirse xa nos establecementos ‘O Recuncho das chuches’ e ‘Gominoia’ e tamén estarán dispoñibles o propio sábado no pavillón entre as 15:30 e as 16:30 horas.

O espectáculo participativo comezará precisamente ás 16:30 horas. A masterclass estará impartida pola instrutora Iriana Beteta en quendas de cincuenta persoas. Paralelamente desenvolverase a proposta de ‘Cantajuego’, a cargo dos animadores Leño e Nana. Non é necesario levar ningún tipo de material, pero si se recomenda indumentaria deportiva.

“Animamos a todo o mundo a participar”

A concelleira de Xuventude de Lousame, María Regenjo, animou “a que todo o mundo participe nunha actividade deportiva e solidaria con cabida para toda a familia” e agradeceu que a ASGPOH escolleuse Lousame para celebrar este evento. Regenjo estivo acompañada na presentación das actividades por Eduardo Agraso e Iago Antelo, representantes da ASGPOH, pola instrutora deportiva Irina Beteta e por Teté Baluja, técnica cultural do Concello de Lousame.

Regenjo destacou a importancia de obter fondos para a investigación: “tanto como nai como na miña faceta de investigadora valoro moito a importancia das axudas, todas son grandes por simbólicas que poidan parecer”. Neste sentido, Agraso explicou que a vontade da asociación que representa é “facilitar a participación e a diversión, de maneira que poidan vir avós, pais e nenos”.

Pola súa parte, Irina Beteta explicou que o body jump é unha actividade física que combina o salto en trampolín elástico cunha coreografía e que resulta apta para todo tipo de persoas. Beteta anticipou que todas as persoas interesadas en aprender e practicar máis esta modalidade poderán deixar os seus datos ao remate da masterclass, de maneira que se poida avaliar a viabilidade de implantar o body jump como unha actividade estable en Lousame.