Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente tramitará as solicitudes de axudas estatais para o fomento da compostaxe e a recollida separada de biorresiduos que presenten os concellos galegos


O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente vén de convocar as subvencións de axudas Residuos 2018, dentro dos programas Pima e Pemar, cuxo orzamento ascende a 3 millóns de euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio tramitará as solicitudes de subvencións que vén de convocar o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), co lanzamento da convocatoria de Axudas Residuos 2018 (PIMA Residuos e PEMAR) para promover actuacións que permitan avanzar nos obxectivo de reciclaxe e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Trátase dunha iniciativa que busca impulsar accións a favor da mellora do medio ambiente e da integración das políticas de calidade ambiental coas da loita contra o cambio climático, ás que se destina un orzamento que ascende a 3 millóns de euros.

Deste xeito, desde a Consellería de Medio Ambiente anímase ás entidades locais a presentar proxectos dentro desta nova convocatoria, que inclúe distintas liñas de financiamento para o fomento da compostaxe para a recollida separada de aceite de cociña usado e para a utilización eficiente de biogás.

Tal e como se indica nas bases da convocatoria, a lista de proxectos susceptibles de financiamento son os proxectos de recollida separada de biorresiduos para o seu tratamento biolóxico; proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria de biorresiduos; os de construción de instalacións de compostaxe destinadas ao tratamento destes biorresiduos; proxectos de recollida separada de aceite de cociña usado para fabricación de biocarburante; proxectos de depuración e inxección de biogás na rede, así como proxectos de depuración de biogás e uso en frotas de transporte, uso de biogás en motores de coxeneración, e para a produción de calor, ou proxectos de cambio nos procesos destinados a aumentar a xeración de biogás.

A Consellería de Medio Ambiente será a encargada de recoller as solicitudes que presenten as administración locais e remitilas ao Ministerio, para a súa aprobación ou denegación. O departamento que dirixe Beatriz Mato tamén habilitou na páxina web do Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga) o acceso aos formularios de solicitude, así como toda a documentación relativa á convocatoria.

Os concellos galegos que desexen concorrer a estas axudas deberán presentar as súas solicitudes ata o 31 de marzo.