Saturday 16 de November de 2024

Os motores en miniatura asubiarán esta fin de semana no pavillón municipal de San Sadurniño


5ª edición da Bumpers Indoor Race o sábado e o domingo
Ducias de bólidos a pequena escala mediranse durante esta fin de semana na Bumpers Indoor Race BIR v.5.0. Trátase dunha competición á que asistirán un total de 92 condutores -só hai inscritos homes- de distintos puntos do Estado e mesmo de Portugal para poñer a proba a súa pericia aos mandos de coches teledirixidos que poden alcanzar máis de 100 quilómetros por hora. Malia seren bólidos de tamaño reducido o seu son é case imperceptible xa que teñen motor eléctrico. Como queira que sexa, o espectáculo está servido tanto na pista -que estará cuberta por unha grande moqueta chea de saltos e curvas- como na área de boxes onde cada equipo pon a punto as minúsculas mecánicas.

A Bumpers Indoor Race ten todos os alicientes dunha grande carreira: coches rápidos regrados ata no máis mínimo detalle, xente aos mandos con nervios de aceiro, reflexos de milisegundos, telemetría e tamén tensión e emoción a partes iguais.

Este vai ser o quinto ano consecutivo que San Sadurniño acolle a proba. Nela hai tres categorías que compiten por separado debido ás diferentes prestacións: coches de tracción traseira escala 1/10, coches con tracción ás catro rodas tamén 1/10 e vehículos “short course”. Estes últimos son réplicas a escala 1/10 -1/8 en realidade- de furgonetas idénticas ás que corren no deserto de Novo México a coñecida “Baja California”.

Tanto os short course como o resto son modelos radiocontrolados que funcionan con batería, polo que non emiten gases nin fan tanto ruído como os de gasolina, aos que superan en aceleración por causa do par instantáneo que son capaces de entregar os motores eléctricos cos que superan facilmente os 100 quilómetros por hora. Unha velocidade que nun trazado coma o de San Sadurniño seguramente chegue nalgún punto a uns máis que respetables 70 km/h.

A proba disputarase na modalidade de open nun circuíto enmoquetado que protexe a cancha do pavillón ao tempo que ofrece mellores condicións de tracción para os vehículos que, ademais, deberán evolucionar salvando curvas e saltos abraiantes. Comezará o sábado cos adestramentos libres entre as 10 da mañá e as 17.00h. Posteriormente faranse as primeiras probas de clasificación. O domingo pola mañá resérvase para continuar coas clasificacións e ao mediodía cóntase ter configuradas xa as finais, que se disputarán ao longo da tarde co obxectivo de poder entregar os trofeos entre as 17 e as 18.00h. A duración de cada carreira e a final de 4WD -tracción ás catro rodas- están marcadas en 5 minutos, mentres que as finais en tracción traseira e short course se correrán en 7 minutos.

A Bumpers Indoor Race é xa un referente do mundo do radiocontrol competitivo en toda a Península e un auténtico espectáculo para o público, que poderá acceder ao pavillón completamente de balde durante os dous días. Nesta quinta edición da BIR agárdase a participación de 92 pilotos: 60 na categoría 2WD, 12 en 4WD e 20 en Short Course. Un terzo deles son galegos e o resto proveñen de lugares coma León, Biscaia, Madrid, Cataluña, Toledo, Cádiz ou Almería. A representación internacional -unha quincena de corredores- vén toda de Portugal.