Thursday 21 de November de 2024

Carreira solidaria contra a violencia de xénero e a favor da igualdade en Riveira


A iniciativa terá lugar o domingo 30 de novembro pola mañá

O Concello de Riveira conmemorará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e farano por segunda ocasión a través dunha Carreira Solidaria, vista o éxito participativo do ano pasado.

A concelleira de Igualdade, Aroa Fernández Cadórniga, e o edil de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga, ofreceron detalles desta iniciativa, que terá lugar –en lugar do martes 25- o domingo 30 de novembro co fin de brindar a toda a cidadanía a oportunidade de participar no evento.

A este respecto, Fernández Cadórniga explicou que é desexo do Concello sumar nesta acción á xente de calquera idade (non é preciso facela correndo nin se require preparación previa) co fin de lanzar todos xuntos unha mensaxe contra a violencia de xénero e en xeral calquera tipo de violencia.

Camisetas conmemorativas
Os primeiros 200 inscritos recibirán unha camiseta conmemorativa, co lema “Riveira contra a violencia de xénero / pola igualdade de xénero” (esta última afirmación a base de signos).

A carreira desenvolverase a partir das 11 horas con saída dende a praza de España, previo paso pola praza do Concello, Rosalía de Castro, rotonda de Padín e rúa Galicia. Poderán formalizarse as inscricións na páxina web municipal www.riveira.es.

Ademais, Aroa Fernández explicou que durante todo o ano se están realizando dende a súa concellería a través do CIM distintas actividades que abundan na idea de promover a igualdade e a non violencia, como é o caso dun obradoiro de camisetas orientado a escolares ou un programa educativo orientado a pais e alumnos sobre como usar de xeito saudable as redes sociais.

Por outra parte, o propio martes 25, e co fin de celebrar o Día contra a Violencia de Xénero, o contacontos Caxoto ofrecerá no Auditorio un espectáculo titulado “Contos vellos, novos finais”, ante alumnos de primeiro de Primaria de todos os colexios do municipio. Haberá dúas sesións ás 10 e ás 11.30 horas.