Saturday 16 de November de 2024

Arredor de 130 escolares de tres centros participarán no programa “Teatro-Foro”


A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou esta mañá unha nova actividade que se desenvolverá durante este ano en tres centros escolares, impulsada polo seu Departamento. Na rolda estivo acompañada de Ramón Molina, de Arelar Xestión Socioeducativa.

Trátase dunha actividade na que, a través dun teatro-foro, o alumnado participante traballará sobre temáticas de interese para a comunidade educativa. Tal e como sinalou Noa Morales, “trátase dun proxecto piloto co que queremos impulsar e empregar o teatro foro como instrumento catalizador”.

A concelleira de Deporte explicou que “esta actividade baséase nunha forma teatral de creación colectiva, o que permite fomentar o traballo en equipo nos institutos”. As obras que se representan parten ademais da análise das inquedanzas, problemas e aspiracións da comunidade á que van dirixidas. Unha vez representado o espectáculo, os e as espectadores/as poden participar converténdose en actores e actrices da obra.

Programa piloto
Esta actividade desenvolverase por vez primeira en tres institutos de Compostela, chegando a arredor de 130 alumnos e alumnas. Así, participarán o IES Xelmírez I, o IES Xelmírez II e o IES Pontepedriña, que crearán diversas pezas teatrais para abordar dende esta metodoloxía temas coma o ciberacoso, a violencia de xénero ou a prevención de drogodependencias.

Nesa liña, Ramón Molina incidiu en que este programa implica que os mozos e mozas teñan un “papel activo con roles definidos e cunha participación activa por parte do público, cuxos integrantes pasan a ser especta-actores en vez de espectadores”. Tamén explicou que as pezas teatrais serán de, como máximo, 20 minutos, e prepararanse en 8 sesións de 2 horas.

Teatro-foro
O teatro-foro é unha técnica teatral que provén das teorías do teatro do oprimido de Augusto Boal. O teatro-foro oriéntase a empregar diversas estratexias para a liberación dos individuos, a toma de conciencia dos grupos e colectivos sobre temas sensibles como a educación para a saúde, a igualdade, a violencia, a convivencia ou a procura de alternativas para a resolución de conflitos.