Do 13 ao 18 de marzo, Compostela volverá dar acubillo a contadoras e contadores de ambas beiras do Atlántico. O Festival Atlántica de narración oral retorna a cidade cun intenso programa de actividades que se estenden por toda Galicia e se dirixen a todos os públicos. A programación da sexta edición do certame presentouse esta mañá na Casa do Concello nun rolda de prensa na que participaron representantes de boa parte das entidades que colaboran na mesma. Canda a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, interviñeron nela Mª del Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín, Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén, e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.
Novoneyra puxo en valor os lazos que o certame tece entre narradoras e narradores de ambas beiras, que colaboran na construción dun imaxinario transoceánico que bebe da tradición oral das diferentes culturas. Sinalou tamén o carácter inclusivo do festival, con actividades para públicos de diferentes idades, sensibilidades e capacidades.
A sexta edición de Atlántica reúne a artistas da fala galegos con voces de Brasil, Portugal, e Camerún contadores e contadoras de Zamora, Madrid, Tenerife, Úbeda e Salamanca. Entre as narradoras e narradores do país que participan na sexta edición, están figuras ben coñecidas polo público como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Avelino González e Cándido Pazó, e outras que non tardarán en coñecerse, como as Felipe Díaz, María da Pondragha, Lois Pérez, Charo Pita, Vero Rilo, Gema Santos ou Fátima Villamel.
As actividades programadas en Compostela para adultos e cativos inclúen itinerarios, obradoiros, e narracións musicadas nas que se integran outros axentes da cultura da cidade, como a Banda de Música de Santiago de Compostela. A sexta edición de Atlántica mantén tamén o seu carácter inclusivo coa programación de narracións en lingua de signos, que contan coa colaboración da Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Centros Cívicos e que se representarán no Centro Educativo López Navalón e no Museo do Pobo Galego.
En 2018, o Festival desenvolverase en oito sedes. Alén de Compostela, Atlántica estará na Coruña, Ferrol, Lalín, Ourense, Pazos de Borbén, Teo e Vigo.
Que é Atlántica?
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, nace en 2013 con sede en Santiago de Compostela e cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. O principal obxectivo do festival é indagar nas raíces comúns das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.