As obras terminarán o edificio de Meixigo, que levantaron fai máis de quince anos os propios veciños da parroquia, e acondicionarano para o seu uso social
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o edil de Obras, Juan Leirós, visitaron hoxe as obras de acondicionamento e acabados no centro social de Meixigo. As obras terminarán o edificio de Meixigo, que levantaron fai máis de quince anos os propios veciños da parroquia, e acondicionarano para o seu uso social.
Segundo o alcalde, os traballos consistirán en saneamento da edificación, acceso á primeira planta, cerramento exterior, intervención e posta en servizo da planta baixa (luz, pavimentos, electricidade), baño adaptado, e habilitar a escaleira subida a baixo cuberta. “Trátase dunha reivindicación histórica que tras inventariar o edificio proxectouse e contratou co único obxectivo de que os veciños de Meixigo poidan gozar do seu local social”, apuntou García Patiño.
García Patiño, lembrou que o Concello asumiu o ano pasado a titularidade do inmoble, que incluíu no primeiro inventario de bens, para poder realizar melloras no mesmo. Os veciños comezaron a construír o centro social 1993 e a obra paralizouse en 2001, cando deixaron de chegar axudas da Deputación e o Concello por dúbidas xurídicas relacionadas coa titularidade, xa que os terreos “figuraban como terreos de baldío ou comunais”, explicou en 2017 o Concello.
Os traballos licitáronse por 55.764 euros (IVE incluído).