A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe a XIX Feira de Oportunidades Mercamelide, onde salientou o importante labor que desempeñan os centros comerciais abertos
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou na visita que realizou á XIX Feira de Oportunidades Mercamelide o importante labor que desempeñan os centros comerciais abertos na dinamización do comercio de proximidade, e salientou a implicación dos comerciantes en iniciativas como a que estes días se celebra na localidade coruñesa.
Vázquez Abeal remarcou o esforzo da Xunta por modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego a través do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.
Dentro desta estratexia, destacou o respaldo ao asociacionismo comercial, subliñando que a Consellería de Economía e Emprego apoiou o pasado ano con algo máis de 680.000 euros ás asociacións de comerciantes da provincia da Coruña, dos que o Centro Comercial Aberto de Melide recibiu máis de 40.000 euros a través de accións de dinamización de centros comerciais abertos e prazas de abastos e para a incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista a través do tícket de dinamización comercial.
As axudas que a Xunta concede neste eido permiten, entre outros, realizar diferentes campañas de dinamización, incorporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa, e, no caso das asociacións das prazas de abastos, tamén melloras en instalacións e equipamentos. Pola súa banda, os apoios á incentivación do consumo, a través do tícket de dinamización, están dirixidos a impulsar o consumo levado a cabo polas asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, a través de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas.