Aprobado un recoñecemento extraxudicial de crédito de 53.000 euros para pagar facturas correspondentes a 2017 presentadas en 2018
O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade o proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido (parroquia de San Xoán de Lousame), así como a axilización do expediente de expropiación da finca que albergará a depuradora. Un acordo tomado polos seis concelleiros do grupo municipal do PP e polo voceiro do PSOE, únicos presentes na sesión extraordinaria celebrada esta mañá.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lembrou que os técnicos de Augas de Galicia desaconsellaron a utilización da parcela inicialmente destinada a albergar a depuradora e sinalaron a idoneidade doutra parcela próxima, que é a que agora se somete a expropiación. “Imos tentar axilizar no posible estas obras para que as obras poidan comezar pronto”, indicou Teresa Villaverde, quen apuntou que “o pleno de hoxe servirá tamén para instar á Consellería de Presidencia a declarar a urxencia na expropiación da parcela”.
O proxecto construtivo para levar o saneamento a Filgueira e Seixido está incluído nun convenio máis amplo asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por un importe de 200.000 euros, xa que tamén contempla o saneamento de Servia, na parroquia de Vilacoba. A alcaldesa explica que “a primeira actuación que temos que facer é dende o Seixido ata a a depuradora, despois os ramais secundarios porque sen a canalización principal e a depuradora non podemos facer o demais. Despois, para chegar a toda a aldea de Filgueira haberá que facer cando menos tres ramificacións”.
Proxecto
O proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido é froito dun convenio de colaboración asinado en xullo de 2016 por Augas de Galicia e o Concello de Lousame, que será financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Na actualidade, os núcleos de Filgueira e Seixido non dispoñen de rede de saneamento municipal de augas residuais urbanas, polo que os veciños teñen que dispoñer de fosas sépticas propias.
As obras contemplan tres novos tramos de saneamento que conectarán as vivendas da zona coa rede xa existente, discorrendo gran parte do trazado pola estrada DP-4201 e unha pequena parte por un vial de titularidade municipal. Toda a rede de colectores proxéctase en tubería de PVC de 250 e 200 milímetros de diámetro con 26 pozos de rexistro e arquetas de separación de grosos con rejilla manual e arquetas de inspección.
No que atinxe á EDAR, o proxecto propón un sistema compacto de depuración para o tratamento biolóxico das augas domésticas ou asimilables a domésticas. Un tratamento que cumprirá tanto a Lei de Augas como a normativa europea. A EDAR realizará a depuración en dúas etapas: unha primeira de decantación-dixestión en dous compartimentos contiguos e a aplicación dun filtro biolóxico para a depuración da auga.
REC
Finalmente, o pleno municipal aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito de 53.803,58 euros para o pago de facturas chegadas ao Concello de Lousame en 2018 pero que se corresponden con gastos realizados en 2017. Este REC 2/2018 foi aprobado cos votos a favor do PP e a abstención do concelleiro do PSOE.